
“...” Reels 1-5
Stan Brakhage, 1998
72'. 16mm. Entrada gratuita
“...” Reels 1-5
Dedicados a Michael McClure.
Este traballo consiste en cinco bobinas (numeradas, mais chamadas "bobinas" para que non tomen as connotacións de "Partes" – sendo simplemente cada unha unha parte do "camiño" de rabuños de cor, brancos (sobre colas brancas e negras) que suxiren, para min, unha pasaxe). A terceira "bobina" combina estes rabuños con algunhas películas sobre todo do océano. A quinta bobina é a única con banda sonora; mais por suposto iso converte o traballo no seu conxunto nun "filme SONORO" pois a pista de audio debe soar dende o comezo.
"A nova serie de filmes de rabuños e manchas de Brakhage, coñecida como (...) ou elipses é, entre outras cousas, unha analoxía visual do expresionismo abstracto. A imaxinería que irrompe e os enigmas espaciais que crea evocan non só a Pollock, mais tamén o traballo de Franz Kline, Willem De Kooning, e mesmo Mark Rothko – isto é Pollock et al., a 24 fotogramas por segundo. Deixando de lado a cámara, Brakhage rasca a emulsión fílmica para crear un sotobosque (ou ás veces unha tea de araña) de liñas brancas e ricas, químicas cores. Algúns segmentos da metraxe orixinal parecen ter sido revelados con celuloide negativo ou se cadra solarizados – así as liñas azuis e rosas inscríbense nun cadro branco. En todo caso, (...) é un cosmos. Rico sen resultar pagado de si mesmo, o efecto que produce é o dunha conflagración rítmica.
Unha segunda bobina de 20 minutos resulta máis nun staccato de caligrafía rabuñada por un polo sen cabeza, cun bater de ás dende un buraco amarelo, con alustros que se adiviñan ou fogos artificiais interrompidos por un repentino campo turquesa. A terceira e máis curta parte reintroduce imaxinería derivada dunha cámara e, tan mínima como poida ser (raios de sol tremendo na auga, gaivotas dando voltas no ceo) é con todo un shock ver “algo”. Brakhage segue a xogar coas superficies, engadindo capas á imaxe con violentos rabuños e suaves superposicións; o sentimento chega coa representación" - J. Hoberman, The Village Voice
"querido stan,
phil solomon na cidade a semana pasada para un deses pases moi especiais nos que se mostran bonitos traballos a atencións refinadas. traía con el algúns rolos que revelara do teu novo (?) traballo (en realidade que prodixiosa e relativa é a palabra 'novo'), composto por completo de brutos e asombroume porque me pareceron lembranzas, logo de repousar enfermo durante semanas, coa maioría do meu cerebro tendo superado de sobra o muro dunha fin calamitosa e non tan resignado a morrer mais apuntándome ao carro, só principalmente nun mundo que xa non recoñezo, aventureime no que algúns consideran o ollo da mente e vin ese xélido pazo de cristal que rabuñaches tanto nas colas tan sucinta e poderosa, cun receso polar gañado a través dunha insistente enfermidade, se é que estar prostrado na cama pode considerarse traballar, un millar de sombras destilando un xélido branco, entendementos cristalizantes, un mundo duro e sen clemencia onde só existe o coñecemento impecable, sen ser apoiado ou enmarcado xa nas propiedades do día a día das que me preocupaba, mentres entraba, e entraba de novo ao ver o teu filme, só os mortos visitan este lar, tosquiados dos ecos da personalidade e a carne, un val de ósos secos, os meus entre eles, onde as orixes do pensamento e o entendemento pode que atopen un lugar entre os seus, e coma todas estas inmersións que os gregos terían dado en chamar fogar ou a vella morada dos deuses, construída por capas nos anos pasados co meu desexo de sentir de novo as vellas preguntas e respostas, ou algo como a vida normal e por tanto a conversión dunha luz leve e severa esperando a florecer de novo, revisitada por un vasto e máis intrépido ca min, e capaz de contraatacar no dominio da imaxe sen nada máis que unhas poucas ferramentas manuais, estou pasmado" -
Mike Hoolboom, 1998
Nota: Está claro agora que a Ellipsis Series ("...") divídese en bobinas que poden mostrarse en calquera orde (de maneira diferente a partes que normalmente se mostrarían en orde cronolóxica).- Stan Brakhage
"..." Reel 1
Stan Brakhage | 1998 | 22 minutos | COR | SILENTE | 16 mm
"..." Reel 2
Stan Brakhage | 1998 | 15 minutos | COR | SILENTE | 16 mm
"..." Reel 3
Stan Brakhage | 1998 | 15 minutos | COR | SILENTE | 16 mm
"..." Reel 4
Stan Brakhage | 1998 | 20 minutos | COR | SILENTE | 16 mm
A Reel #4 das (...) é unha recapitulación das variacións primarias de brutos (sobre cola negra) e cores aditivas (por exemplo, as compostas por tons de luz no proceso de impresión) así coma de solarizacións (por exemplo a combinación de imaxes negativas e positivas dos rabuños) e as propias imaxes en negativo (coa súa coloración en negativo case fosforescente): estes temas visuais (formas, texturas e tons) resólvense finalmente nunha amálgama, como se se tratasen de algo “novo·, dun “descubrimento”, por así dicilo, mais é en realidade unha combinación de variantes anteriores.
"..." Reel 5
Stan Brakhage | 1998 | 18 minutos | COR | SON | 16mm
A Reel #5 das (...) componse de imaxinería de brutos montada ao ritmo do tema Flocking de James Tenney. A música déixase soar 2 minutos acompañada só dun fondo en negro: despois hai un súbito canonazo de pura luz branca que comeza a tremer con formas efémeras en cor en negativo, ata que ao final a música e a obsequiosa masa de imaxes raiadas se acompañan a unha á outra.
Por momentos aparece unha imaxe a cor cunha cualidade distintivamente diferente e continúa por un tempo (fotografía non-laranxa en negativo dun filme pintado así como imaxes filmadas, xuntas irrecoñecibles, in-nomeables). A estética audiovisual é tal que hai moi poucas sincronizacións absolutas entre imaxe e son, máis ben visuais con música “que ecoa” ou visuais montadas ao ritmo das formas da música previa, indo as dúas “xuntas” e entretecéndose sen que a unha domine a outra (que é a razón principal pola que se lle permite á música establecer a súa estética na mente do oínte antes de que a el ou ela se lle pida seguir o desenvolvemento das pautas visuais): tanto o son coma o visual rematan a un tempo, dando un sentido de peche ao evento do filme.