William A. Wellman
Del 27 de febrero de 2017 al 28 de abril de 2017
Continuamos coa nosa recuperación de clásicos e revisamos a obra de William A. Wellman, director do Hollywood clásico que se especializou en cine de xénero e que marcou algún dos fitos do western ou o cine negro, con títulos tan emblemáticos como El enemigo público (1931) ou Caravana de mujeres (1951).
Dende os comezos, a entrada na fábrica dos soños deste aventureiro do celuloide estivo ligada á aviación, tema de moitas das súas películas. O seu primeiro éxito será precisamente Alas en 1927, que conta con algunhas das secuencias de combate aéreo máis realistas xamais filmadas. A veracidade destas secuencias era unha obsesión de Wellman, pois el propio combatera como ala do escuadrón Lafayette na Primeira Guerra Mundial. Estas lembranzas marcarían de feito a trama da última longametraxe dirixida polo norteamericano en 1958, dedicada a este escuadrón.
Xa no período sonoro, Wellman puido vangloriarse de ser un dos realizadores que máis porían de relevo a definición dos xéneros hollywoodianos. El enemigo público definiu o seu estilo sobrio e directo, cunha violencia clara a explícita, que herdarían moitos filmes posteriores. Mantense, a día de hoxe, como unha das xoias do policíaco en Hollywood.
Similares logros atinxiu no western, ao levar o xénero fóra dos seus terreos habituais con enfoques progresistas difíciles de encaixar na época e nun ambiente tan conservador coma o do cine industrial norteamericano. The Ox-Box Incident (1943) caracterízase, por exemplo, por unha crítica á violencia e ao racismo como en poucas fitas do xénero pode verse. Considerada película de culto, quizais só rivalice con Caravana de mujeres no canon cinéfilo actual, obra en que destaca un protagonismo feminino de mulleres fortes, tamén estraño para aqueles tempos (e para os que corren).
O seu único Óscar como director gañaríao, porén, cunha película dramática, Ha nacido una estrella (1937), sobre as dificultades dunha actriz nova para sobrevivir a Hollywood.
Integrado no sistema, mais crítico co el, a filmografía de Wellman eríxese hoxe como unha das máis relevantes do Hollywood clásico.