(S8) 5ª MOSTRA DE CINEMA PERIFÉRICO
Del 1 de mayo de 2014 al 30 de junio de 2014
“O 2014 é un punto sinalado no calendario para (S8) Mostra de Cinema Periférico, pois son cinco xa as edicións que se cumpren desta cita coruñesa cada vez máis consolidada no panorama internacional. Como sinalado é o punto vermello en medio do branco da bandeira do Xapón, que este ano é o país convidado do (S8) entre os días 4 e 8 de xuño. O Ano Dual España-Xapón, en feliz confluencia con este aniversario, proporciona unha oportunidade única para emprendermos esta nova viaxe á vangarda xaponesa, histórica e actual. Sen dúbida, o acontecemento clave é a presenza de Takahiko Iimura, pioneiro do cine experimental xaponés. Desde os anos sesenta e pasando por distintas fases, a súa obra sostense sobre os piares de dous temas básicos: o tempo e a linguaxe. O (S8) realizará un concentrado percorrido pola súa obra, que tamén se interna na performance e na instalación. O histórico tende pontes á súa vez ao moderno, e do traballo de Iimura pasamos ao de Takashi Makino, esperanza xaponesa do experimental e un dos nomes que máis resoan nos festivais internacionais. Abordando a abstracción desde un novo ángulo, a súa obra mestura o dixital e o celuloide en asombrosa convivencia, e así se ha ver coa estrea española de Phantom Nebula, o seu último traballo en longa, toda unha experiencia sensorial. A exploración do (S8) estende os seus tentáculos ata as profundidades do cine primitivo, e de aí extrae, da man da experta en cine e cultura xaponesa, Nieves Moreno, Una página de la locura, obra asinada por Teinosuke Kinugasa en 1926, obra perdida e redescuberta en 1971, interpretación abraiante da vida nun psiquiátrico do grupo de vangarda Shinkankakuha (“escola dos novos impresionistas”).
Pero o (S8) tamén xoga de local, a mirar o futuro mediante a súa sección Sinais, radar atento ás manifestacións máis emocionantes do cine galego actual, que o ano pasado tivo como protagonista a Lois Patiño. Este ano un dos focos de Sinais estará posto no cine revulsivo desde o persoal de Eloy Domínguez Serén, que falará nun encontro co público dos seus métodos de traballo. Ademais tamén haberá espazo para unha sesión dedicada a un programa colectivo, Sinais en corto. Unha selección a modo de panorama que toma o pulso ao que pasa en Galicia.
Para finalizar, pero non menos importante, esta edición o (S8) ten como festival convidado ao canadense Media City Film Festival, evento que cunha programación exquisita se consagrou como un dos máis relevantes e desexados do mundo. Co adaxo dos vinte anos, os seus directores e programadores, Oona Mosna e Jeremy Rigsby, recompilaron un programa que os representa no seu personalísimo espírito, oportunidade irrepetible para vermos obras de cineastas como Helga Fanderl, Petter Hutton, Friedl vom Gröller (tamén coñecida como Friedl Kubelka) e Nicky Hamlyn, entre outros”.
Elena Duque (S8)
Agradecementos: Media City Film Festival, Oona Mosna, Jeremy Rigsby, Nieves Moreno, George Eastman House, Eloy Domínguez, Beli Martínez, Takahiko Iimura, Light Cone, Takashi Makino.