Festival convidado: Media City Film Festival
VV.AA., 1975-2012.
75'. 16mm/vídeo. Presentación. Entrada de balde.
FESTIVAL CONVIDADO: MEDIA CITY FILM FESTIVAL TO THE SLEEPY RHYTHM OF A HUNDRED HOURS
Ao sur de Ontario, Canadá, encóntrase Windsor, cidade dende a que se ven os rañaceos de Detroit -ao outro lado do río- coma se fosen parte do propio skyline, ilusión óptica real que confundiu ata a raíña de Inglaterra nunha visita ás colonias da súa Commonwealth. Neste lugar de clima extremo, infinitas estradas rectas e aires post-industriais, ten lugar un dos eventos máis emocionantes, especiais e relevantes do cine experimental: o Media City Film Festival. Fundado en 1994, o Media City fai en 2014 a cifra redonda de 20 anos, nos que unha brillante e arriscada programación con vida propia o converteu nun dos festivais de vangarda máis apreciados do mundo. Oona Mosna e Jeremy Rigsby, os seus actuais directores e programadores, seleccionaron un exquisito ramallete que representa o espírito do Media City. E que, por extensión, reúne algunhas das películas máis fascinantes e singulares do planeta terra.
LUNAR ALMANAC
(Canadá, 2013)
Dirección: Malena Szlam. Duración: 4 minutos.
Lúas viaxan a través de esferas magnéticas, espertando sutís enerxías na Terra.
PASSAGE UPON THE PLUME
(Estados Unidos, 2012)
Dirección: Fern Silva. Duración: 6 minutos.
"Plumas desempoan a terra árida, de leste a oeste, a mudaren de forma mentres se erguen en ascenso. Algo descende. Unha arca repta pola terra onde a revolución botou raíces, cordas levantan pedras en cestas. Corazóns máis pesados e liviáns que a pluma permitiron o paso. Atados ou soltos, descansando da vida ou amencendo de novo". (Charity Coleman)
FLORENCE
(Estados Unidos, 1975)
Dirección: Peter Hutton. Duración: 8 minutos.
"Os filmes aparentemente simples de Peter Hutton ofrecen unha lección sobre a arte de ver e fabricar imaxes que lle fan a un preguntarse como alguén puido producir algo que é á vez tan humilde e tan portentoso". (Tom Gunning)
MENSCHEN AM SONNTAG
(Austria, 2006-2011)
Dirección: Friedl von Gröller (Kubelka). Duración: 3 minutos.
"Un grupo de xente nun cuarto comendo pizza, quizais nunha festa. O cuarto é pequeno, nega unha visión ampla. A pizza córtase e distribúese entre os convidados, mentres a cámara corta en anaquiños manexables todo o que nese cuarto hai, o que nela se move". (Sylvia Szely)
COSNTELLATIONS (TENTATIVE TITLE)
(Alemaña-Francia)
Dirección: Helga Fanderl. Duración: 15 minutos.
Unha escolma das películas en Súper 8 de Helga Fanderl, escolleitas pola artista para este programa.
QUARTET
(Reino Unido, 2007)
Dirección: Nicky Hamlyn. Duración: 8 minutos.
Unha secuencia de vinte e tres planos dun cuarto cuadriplicados, dúas veces en cor, dúas veces en branco e negro. As dúas secuencias en cor seguen un plan estrito, e cada peza contén unha parte do punto de vista das súas compañeiras adxacentes. As segundas, en branco e negro, emparéllanse de xeito máis libre, aínda que seguen o patrón espacial establecido nas primeiras secuencias. O único movemento na película é casual: nubes que vemos a través dunha ventá.
ROCKING CHAIR
(Xapón, 2000)
Dirección: Shiho Kano. Duración: 12 minutos.
O ollo humano axústase á intensidade da luz involuntariamente, mentres que o ollo da cámara pode controlar a claridade libremente. O ollo da cámara ve a escuridade na luz do día, e é capaz de converter a penumbra en sol matutino. A medida que un cuarto branco escurece e se ilumina, a sublimación das formas faise visible.
THREE STUDIES IN GEOGRAPHY
(Reino Unido, 2011)
Dirección: Neil Henderson. Duración: 23 minutos.
Tres lugares diferentes conflúen, compasando tres películas separadas feitas ao longo de dez anos. Cada localización presenta un particular equilibrio de terra, ceo e auga: as canles de rego de South Lincolnshire, un peirao creado pola natureza na costa norte de Kent, e unha illa circular feita pola man do home na costa leste de Inglaterra.