Peter Hutton
Del 1 de mayo de 2010 al 31 de mayo de 2010
En colaboración con Documenta Madrid.
Aínda que practicamente descoñecido no noso país, Peter Hutton (Detroit, 1944) é, desde os seus comezos hai 40 anos, unha figura imprescindible para comprender a evolución do cine documental-experimental e toda unha tradición paisaxística artística estadounidense que viría de Thomas Cole e os iluministas, concretándose no cine en xentes como Rodakiewicz, Strand, James Benning ou o mesmo John Ford.
Agradecementos: Peter Hutton, Carlos Muguiro, Martin Pawley.
Hutton estudou pintura, escultura e cine no San Francisco Art Institute. Ensinou cine en Harvard ou Cal Arts e actualmente está no Bard College, onde é director do Film and Electronic Arts Program desde 1989. Realizador de máis de 20 títulos, unha obra breve en extensión que non excede as 5 horas de metraxe total, a maioría das pezas retratos silentes de cidades e paisaxes, por fin o seu cine comeza a ter acollida. A retrospectiva que organizan Documenta Madrid e o CGAI é a máis importante presentación realizada sobre a súa obra en Europa.
Mariño mercante de profesión durante os anos que van de 1964 a 1974, fillo dun mariño que fotografaba as súas viaxes, Hutton atribúe a súa formación estética a estes anos. Preservador duns poucos planos, mestre da depuración, da autenticidade e a beleza primarias, esenciais, é un cineasta viaxeiro, contemplativo e calado que fía diversas e atractivas fontes presentes na historia do documental e o cine experimental. Diarios (Mekas), capacidade meditativa (Rodakiewicz), sinfonías de cidades dos anos 20, a curiosidade exploradora de Flaherty ou Gardner e a mirada pura dos pioneiros aparecen debuxadas en maxistral amálgama na súa obra. O comisario da retrospectiva Carlos Muguiro presentará ao público este ciclo.