O MÉTODO DA LOUCURA DE JERRY LEWIS
Del 7 de enero de 2014 al 28 de febrero de 2014
Varias copias novas de títulos protagonizados ou dirixidos por Jerry Lewis (Newark, 1926), o lendario cómico e performer estadounidense, aínda vivo, capaz de se incrustar na modernidade nos anos 50-60 do século XX, permiten regresarmos á súa figura irrepetible. A tradución ao castelán e a edición en T&B da súa autobiografía (En persona) mais varias homenaxes deixan que restablezamos un perfil hai uns anos excesivamente esquecido, deostado (Keaton) e amado (Godard) a partes iguais. Cheo de cometidos extracinematográficos, a particular xestualidade e a natureza hiperbólica do Lewis personaxe son diseccionados ao longo de excelentes longametraxes (ademais do documental Method to the Madness of Jerry Lewis, a cargo do seu admirador Gregg Barson); mentres podemos relacionalo con intelixencia con outros pais da comedia que producen obras propias ou co gran Frank Tashlin. Calquera mínima aproximación, atestado ou análise da súa obra nos achega singulares raíces no cine silente (slapstick, burlesque), resonancias e carga de profundidade (crise de personalidade, elementos edípicos, subversión dos modelos do capitalismo), mesmo un antecedente de toda "comedia gamberra", que fan de Lewis un dos grandes exploradores da comedia, un autor reverenciado en Europa ou Xapón, que, malia altibaixos, sempre se mantivo esperto e activo.