New Hollywood Novos Thrillers (e VII)
Del 1 de mayo de 2010 al 31 de mayo de 2010
Nova entrega da publicación Nosferatu que nos aproxima á evolución do thriller estadounidense do anos 70 do século pasado a través de 25 títulos. Unha serie de narracións policiais caracterizadas en liñas xerais pola actualización do relato, o aumento da ambigüidade nas dubidosas fronteiras trazadas a ambos os lados da lei, o tratamento analítico da violencia, a dimensión documental, a tendencia á abstracción ou a desmitificación e fragmentación dos tabús, heroicidades e convencións do xénero nas súas orixes. Este cine, onde a complexidade dos itinerarios converxe coa falta de motivacións dos antigos heroes, vese beneficiado pola efervescencia e aparición dos cineastas do chamado Novo Hollywood (Altman, Cimino, Coppola, Friedkin, Scorsese, en menor medida Pakula), bárbaros empeñados en derruír o cine máis conservador (enténdase en todos os sentidos da súa acepción) ou figuras periféricas e fagocitadoras como John Carpenter, John Millius ou Walter Hill, sen esquecer a presenza de excelentes directores anteriores -en particular varios dos grandes debutantes nos anos 50: Fleischer, Lumet, Penn, Siegel e Aldrich; pero tamén Sam Peckinpah- ou talentos europeos como Roman Polanski.
Influente progresivamente en xentes tan diversas como Paul Schrader, Jim Jarmusch, Abel Ferrara, os irmáns Coen, David Fincher ou Quentin Tarantino, o thriller deste momento aparece infestado de prácticas ben distintas, que van do conto de acción, o proveito do blaxploitation, a moda retro, o policial metafísico, o western urbano, aos relatos de vinganza –exemplificados nos axentes obsesivos encarnados por Gene Hackman, Clint Eastwood ou Charles Bronson- polos que afloran todas as frustracións burguesas e liberais produto dunha época tan contraditoria como chea de enerxías enfrontadas.
Agradecementos: Sue Jones, British Film Institute (Reino Unido), Vincent Dupré, Theatre du Temple (Francia), Eduard Ferrer, Solaris Distribution (Francia), Geraldine Higgins, Holllywood Classics (Gran Bretaña), Cooper Films, Sony Pictures (Estados Unidos), Emilio Palos Castromán, Park Circus (Reino Unido), Nick Varley, Diafragma, Pablo Blanco, Svenska Filminstitutet (Suecia), Johan Ericsson, Fox Los Angeles (Estados Unidos), Andrew Youdell, Park Circus (Gran Bretaña), Nicholas Varley, Classic Films (España), Tamasa (Francia).