MIRADAS PERIFÉRICAS. O CINE ITALIANO DO SÉCULO XXI
Del 18 de septiembre de 2012 al 31 de octubre de 2012
En colaboración co Centro di Studi sul Cinema Italiano (CSCI), Filmoteca de Andalucía, Filmoteca de Albacete e Filmoteca Navarra.
Comisariado por Daniela Aronica e en colaboración con Luce Cinecittà, o CGAI ofrece unha nova indagación no cine italiano contemporáneo.
“Que realidades, que mundos interiores, que aspiracións representan as películas que se fan hoxe en día en Italia? Quen son os seus protagonistas? Que pensan? Cal é a situación da industria cinematográfica no país transalpino? Un ciclo de cine, se ben extenso e representativo como o que –un ano máis– o Centro di Studi sul Cinema Italiano de Barcelona organiza co CGAI, non pretende contestar interrogantes de tan amplo alcance. Pero si converterse en ocasión para se reencontrar cunha produción de calidade, que a distribución marxina sistematicamente das salas. Uns poucos datos abondan para confirmalo:
-No período que vai de 2000 ata 2011 –en España– entre os 25 títulos de máis éxito cóntanse exclusivamente películas de fala inglesa e moi contadas películas españolas.
-Se falamos de cotas de mercado, Francia, Reino Unido e Alemaña sitúanse entre o 7 e o 9%; España ronda o 23% e Italia apenas supera o 2%. O resto de países da UE non chega ao 1%, sendo Estados Unidos o país que domina o mercado con máis dun 38% da cota de pantalla (2010).
-Os grandes éxitos de recadación como Toy Story 3 ou Avatar estréanse con máis de 500 copias (en Italia poden mesmo chegar a ocupar simultaneamente a terceira parte das salas existentes).
Á febleza da industria cinematográfica italiana responde, porén, a orixinalidade e profundidade das traxectorias de moitos autores coas súas apostas arriscadas (Guido Chiesa, Francesca Comencini, Giuseppe Piccioni). As imperfeccións, de as haber, tan só delatan que as súas obras son froito da intensa actividade de quen experimenta con escasos recursos e, a pesar diso, sabe chegar lonxe.
Atopámonos ante una xeración de cineastas que deixaron hai tempo de se mirar o embigo para confrontarse coa realidade e pór, se couber, o dedo na chaga (Gorbacióf, L'aria salata); que sabe mirar con descarnada lucidez cara aos momentos traumáticos da Historia recente de Italia (20 sigarette) ou representar con inquietudes socioantropolóxicas o lado escuro das provincias e das periferias (Sono stati loro, Alza la testa) ou do individuo (Giulia non esce la sera, Lo spazio bianco).
Tamén destaca, neste novo cine italiano, a tendencia á hibridación xenérica con resultados vitais, tanto no plano do discurso como no plano máis propiamente visual, aquí representados pola ópera prima Cosmonauta, a docu-fiction Sono stati loro e o documental de footage Bellissime. Non mingua, finalmente, a querenza tan tipicamente italiana pola comedia (La rivincita di natale), iso si, renovada en fondo e forma(s).
Contan, todas estas películas, con actores que bordan interpretacións difíciles de esquecer: algúns de primeira magnitude (Toni Servillo, Margherita Buy, Sergio Castellitto, Fabrizio Bentivoglio, Sergio Rubini, Valerio Mastandrea, Valeria Golino), outros debutantes que hoxe xa teñen ás súas costas unha afortunada traxectoria (Giorgio Pasotti, Michela Cescon) e moitos non profesionais pero totalmente cómodos nos seus papeis. Olladas intensas que veñen das periferias do Bel Paese e que tratan de cruzar –en ocasións como esta– as de novos espectadores”.
Daniela Aronica, comisaria do ciclo.