Jean-Marie Straub e Danièle Huillet. Facer a revolución é volvermos colocar no seu sitio cousas moi antigas, mais esquecidas.
Del 29 de diciembre de 2016 al 22 de febrero de 2017
Unha produción do Museo Reina Sofía. Comisariada por Manuel Asín e Chema González.
Organizada en estreito diálogo con Jean-Marie Straub, esta retrospectiva inclúe novas traducións da maior parte das películas, proxeccións en formato orixinal, copias restauradas, un sobresaínte número de estreas no noso país e unha nova publicación de ensaios sobre os autores.
Este ciclo mostra un dos proxectos fílmicos máis coherentes e relevantes do século XX, no que o cinema é tanto unha forma artística como unha maneira política de irromper no presente. A súa poética, cómplice alongada da Nouvelle Vague francesa e periférica respecto ao Novo Cinema Alemán, desmantela as formas cinematográficas para propor novas relacións coas imaxes e os sons; unha vontade experimental que comparten cos seus admirados Cézanne, Griffith, Mallarmé, Chaplin ou Schoenberg.
Na concepción das súas películas aprópianse doutras linguaxes artísticas –dramas, novelas, músicas, partituras e pinturas– de diferentes momentos históricos, que interpretan no presente coma un acontecemento crítico. Con este desprazamento propoñen unha fonda reflexión sobre a historia, a identidade e as fronteiras europeas. Non estamos ante unha pretensión de reconstrución, de reparación, de presentación inxenua da memoria; o fundamental é entendermos que para Straub-Huillet sempre hai “un esquecemento na memoria co que o artista, o cineasta, debe saber contar”.
Logo do falecemento de Danièle Huillet en 2006, Jean-Marie Straub continuou a traballar en solitario e defendendo a súa visión do cinema como ruptura e revelación.
Manuel Asín e Chema González, comisarios.