HOMENAXE PUNTO DE VISTA (e II): AMIR MUHAMMAD E SYLVAIN GEORGE
Del 1 de marzo de 2012 al 30 de abril de 2012
En colaboración co Festival Internacional de Cine Documental de Navarra Punto de Vista.
Amir Muhammad (Kuala Lumpur, Malasia, 1972) é un dos realizadores máis insólitos da non ficción contemporánea. Autodefinido como “escritor e cineasta ocasional”, logo de dirixir en 2000 o traballo de aprendizaxe Lips to Lips, en 2002 presenta unha serie de traballos ensaísticos fílmicos de curta duración, 6horts, en que marca os principios básicos que prefiguran o seu cine: vontade ensaística, contido político, revisión da historia recente do seu país e refrescante sentido do humor.
The Big Durian (2003), primeiro ensaio longo de Amir Muhammad, convertiríao en figura destacada da nova xeración de realizadores independentes malaios. Muhammad elabora un cine comprometido e controvertido, propositivo, analista da realidade e da identidade do país. En 2005 onda outros tres realizadores (James Lee, Tan Chui Mui e Liew Seng Tat) crea a produtora Da Huang Pictures. En 2006 realiza o documental-musical The Last Comunist, mestura maxistral de diferentes rexistros xenéricos onde emprega o recurso histórico para falar do presente de Malasia. O filme foi censurado e Muhammad, non carente de humor, rodou 18MP, curtametraxe en que os membros da comisión que negou á película a súa exhibición, amosan o patético e ridículo das súas razóns. Contrasta a escasa repercusión dos filmes no seu país co amplo percorrido internacional: Berlinale, Sundance ou Rotterdam. En 2008 é un dos autores convidados ao Flaherty Seminar, en 2009 dirixe Malaysian Gods. En 2007 crea a súa propia editorial, Matahari Books, na que publica ensaios culturais, políticos e estudos sociolóxicos.
Sylvain George (1968) pensou moito a súa vocación. Des que decide ser cineasta ata que grava as primeiras imaxes pasan vinte anos. Adiado este momento por diferentes motivos, o tempo de reflexión achega parte da forza do cinema que desenvolve, cheo dunha grande e insólita enerxía. Un cinema que combina sen contradición a ollada meditada coa violencia e a urxencia política, histórica.
Sylvain George, traballador social antes ca cineasta, nace para o cinema contemporáneo en 2009, cando presenta no FIDMarseille a súa longametraxe L’impossible. Pages arrachées (2009), extenso ensaio sobre os movementos sociais e políticos que comezaban a se multiplicar a escala global en medio dunha situación económica e política de profunda crise. George apuntaba de xeito preciso as constantes dun traballo que logo se vería expandido: a procura dunha singular forma (poética máis ca narrativa, lírica máis ca enunciativa) de facer cine político, e o labor en solitario, pegado ao terreo; un faino ti mesmo en que a independencia non é etiqueta senón militancia. En 2010, outra volta no FIDMarseille, George presenta unha primeira versión de Qu’ils reposent en révolte (Des figures de guerres I), que subliñaba aspectos xa presentes na película anterior: o retrato, nun branco e negro de alto contraste, do porto francés de Calais, onde inmigrantes chegados de toda África se concentran confiando en atravesar o Canal da Mancha cara a Inglaterra. Lonxe dos tics históricos do cinema social cargado de boismo, George posúe tanto de militancia como de fuxida do realismo documental, tanto de elexía como de panfleto. Coa súa montaxe definitiva, o filme gaña no BAFICI de Buenos Aires o primeiro premio e o Fipresci da crítica. O seu último filme, Les eclats (Ma guele, ma révolte, mon nom, 2011), profunda na relación co espazo e o tempo, cos rostros, as voces e as pegadas dos que só son estatísticas ou rostros efémeros nos informativos.
Agradecementos: Sylvain George, Amir Muhammad, Josetxo Cerdán, Ana Herrera.