6horts + The Big Durian
Amir Muhammad
87’. Vídeo. Subt. galego.
6HORTS
(Malaisia, 2002)
Dirección, fotografía e produción: Amir Muhammad. Duración: 15 min.
Proxectamos tres das seis curtametraxes que conformaron 6horts (2002). Fixemos unha escolla das pezas Lost, Checkpoint e Kamunting. Todo comeza cunha viaxe en autobús, un libro de Philip Lopate e un ladrón. Amir Muhammad viaxaba de Singapur a Kuala Lumpur e roubáronlle a carteira, dando pé a unha infinidade de acontecementos que representa Lost. O resto das curtas sucederíase do mesmo xeito, é dicir, Muhammad quixo documentar o que vivira e comprobar como a súa experiencia podía tonarse cine. Tomou emprestada a cámara dun amigo e revisitou durante un día aqueles mesmos lugares. Sen actores, sen guión. Pura espontaneidade. E sempre tratando de rescatar os pormenores aparentemente insignificantes.
THE BIG DURIAN
(Malaisia, 2003)
Dirección: Amir Muhammad. Produción: James Lee. Fotografía: Woo Ming Jin. Duración: 75 min.
Outubro de 1987. Un soldado tolo dispara o seu rifle M16 no distrito de Chow Kit, no centro de Kuala Lumpur. O masacre sementa o pánico na cidade. Poucos días despois, un centenar de membros da oposición e de diferentes organizacións civís son detidos. Estes feitos mudan decisivamente a visión dos malaios respecto da policía, do sistema xudicial e da propia clase política. Muhammad descobre, a través dunhas vinte testemuñas, unha delicada realidade política, social e relixiosa descoñecida ata aquel momento.