Extraterritorial: Adolfo Arrieta
Del 1 de enero de 2008 al 31 de enero de 2008
Continúa esta sección de periodicidade mensual, iniciada en novembro e nada coa vocación de presentar traballos de corte experimental, propostas periféricas e alternativas, fóra tanto de convencións narrativas como de circuítos de exhibición e distribución ao uso. Presididas pola quebra coa narración institucionalizada, amosamos un conxunto de propostas heteroxéneas e singulares pouco coñecidas, atípicas e a contracorrente, á marxe ⎯case sempre de maneira absoluta⎯ da senda pola que circula o resto da produción. Este mes, seleccionamos varios dos traballos de Adolfo Arrieta, cineasta que vén de facer novas montaxes de todos os seus traballos. Arrieta (Madrid, 1942) comeza a súa carreira como pintor, pero pronto e en formato de 16 mm., influído por Cocteau, filma as curtametraxes El crimen de la pirindola (1965) e La imitación del ángel (1966). Establecido en Francia, onde a súa obra é ben recibida e conta coa colaboración de actores de prestixio (Jean Marais, Howard Vernon) e produtores independentes, firma obras de culto como Les intrigues de Sylvia Cousky (1973) e Tam-Tam (1975), obtendo difusión internacional a través de circuítos paralelos, ademais de premios en distinguidos festivais. Dono dun cine poético, persoal e de vocación vangardista e formulación clandestina, regresa a España e roda títulos como Merlín (1990) ou Vacanza permanente (2006). O CGAI proxectará outras pezas da súa filmografía durante os vindeiros meses.
Agradecementos: Adolfo Arrieta, Jos Oliver, Rosebud Films.