CREADORAS GALEGAS DE IMAXE
Del 1 de marzo de 2013 al 30 de abril de 2013
En colaboración co Consello da Cultura Galega.
A produción audiovisual en Galicia experimentou nos últimos anos un importante incremento cualitativo e cuantitativo. Non son poucas as mulleres que están a intervir neste feito traballando nos diferentes eidos deste ámbito creativo (cámaras, directoras, guionistas, realizadoras, montadoras, etc.). Non obstante, nas mostras de documental e cinema galegos séguese a observar un, cando menos curioso, silenciamento das propostas de novas directoras. Son estas cuestións as que configuran o obxectivo fundamental do ciclo Creadoras galegas de imaxe. Trátase de dar a coñecer e difundir propostas e obras de mulleres; e contribuírmos, así, a paliar a desinformación e invisibilidade existente. Esta segunda edición do ciclo, coordinada por Uqui Permui e mais Encarna Otero Cepeda e organizada pola Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega, focaliza a súa atención na produción de creadoras galegas que traballan nos xéneros cinematográficos de ficción, documental e animación (curta e longametraxe), baixo olladas feministas. Desde estas perspectivas están a rachar coa imposición de estándares estéticos. Isto implica a ruptura cos convencionalismos e a procura de novas formas de representación. Ese é o punto de partida deste segundo ciclo de cine, que se divide en tres sesións: "Interferencias", "Traballo e resistencia" e "A través dos lugares".
Agradecementos: Uqui Permui, Encarna Otero, María Xosé Agra, Xoán Anleo, María Ruído, Nadejha Tilhou, Margarita Ledo, Xisela Franco, Noé Rodríguez, Cora Peña.