Contactos Contexto
Del 1 de noviembre de 2010 al 23 de diciembre de 2010
En 1970 o cineasta santanderino Paulino Viota rodou a súa primeira longametraxe, Contactos, a partires dun guión de Santos Zunzunegui. O argumento abordaba a vida cotiá da resistencia clandestina antifranquista. A película, por suposto, rodouse na clandestinidade, sen ningunha autorización legal preceptiva na época. Moi influída polas teorías da Praxis del cine de Noël Burch, ata o propio Burch chegou a gabar Contactos, converténdose nun filme de culto que, por culpa da precariedade dos materiais conservados (a película rodárase en 16mm), apenas alcanzou difusión máis alá de contadas proxeccións en filmotecas e festivais. En 2009 Filmoteca Española acometeu a restauración da película, presentada en febreiro deste ano en Pamplona no Festival Punto de Vista. Para a ocasión, o propio Viota propuxo un programa con outras dúas películas coas que Contactos establecería un diálogo e que agora se poderán ver tamén no CGAI. Por unha banda, Invasión (1969), a mítica película de Hugo Santiago realizada a partires dun guión de Jorge Luis Borges e Adolfo Bioy Casares sobre un grupo de resistentes nunha cidade que foi sitiada polas forzas inimigas. Pola outra, Jeanne Dielman, 23 Quai du Commerce, 1080 Bruxelles (1975), de Chantal Akerman, película sobre a rutina diaria dunha ama de casa que exerce a prostitución.
Contactos foi incorporada á colección permanente do Reina Sofía, institución que colaborou no proceso de restauración capitaneado por Alfonso del Amo (Filmoteca Española). A presentación no CGAI correrá a cargo de Paulino Viota, acompañado de Guadalupe G. Güemes, protagonista da película.
Agradecementos: Paulino Viota, Guadalupe G. Güemes, Filmoteca Española, Punto de Vista Festival Internacional de Cine Documental de Navarra, Hugo Santiago, Melisande Films (Francia), Paradise Films (Bélxica), Cinémathèque Royale de Belgique (Bélxica).

Invasión

Contactos
