Pé de imaxe: a realidade inventada
Del 4 de julio de 1994 al 8 de julio de 1994
Pé de Imaxe, III Congreso Internacional de Pedagoxía da Imaxe, leva este ano o subtítulo de A realidade inventada.
Baixo este epígrafe agrupamos unha selección de cinco títulos que xiran en torno ó concepto de documental, entendido este dun xeito moi amplio. Non se trata polo tanto dun ciclo de documentais, senón de películas que plantexan un achegamento a realidade desde unha perspectiva alonxada da ficción clásica.
Tres cantos a Lenin é probablemente o único film deste ciclo inscribible no xénero documental. Realizado en 1934 por Dziga Vertov, é unha indagación no significado da vida e ensinanzas de Lenin exemplificada nas mulleres de Asia Central. Os tres cantos do título estruturan á película: a liberdade, a súa morte e o futuro. En Fraude, Orson Welles céntrase na figura do falsificador de arte Elmyr D'Hory, utilizando material filmado previamente por François Reichenbach, aínda que o verdadeiro epicentro é el mesmo, un verdadeiro xenio no arte da falsificación. Pese a súa utilización de imaxes documentais, a película de Welles está máis perto do que poderíamos chamar un film-ensaio. Esta era tamén a finalidade de Benjamin Christensen ó realizar a que sería a obra máis famosa da súa carreira, Haxan ou A bruxería a través dos séculos. Situada nesa fronteira imaxinaria que separa a ficción da non-ficción, a película de Christensen está plantexada como un documental ciéntifico, aínda que con imaxes reconstruidas (ficcións, polo tanto), sobre o fenómeno da bruxería e as supersticións desde a Idade Media ata o século vinte. Do mesmo xeito que o documental que abría Citizen Kane ou que Zelig, Bob Roberts simula ser un verdadeiro documental sobre un personaxe totalmente imaxinario, neste caso un cantante folk con aspiracións políticas e de ideoloxía fascistoide. Estamos ante unha ficción que toma as formas do documental, unha estratexia habitual no cine político. Por último, en Louisiana Story Robert J. Flaherty fala da chagada das prospeccións petrolíferas ó territorio bayou de Louisiana. Faino tomando como eixo a un neno de doce anos, fillo dunha familia cajun, co que construe unha pequena fábula. É decir, o achegamento a realidade prodúcese neste caso a través dunha ficción.