Notebook on Cities and Clothes
Aufzeichnungen zu Kleidern und Städten
Yohji Yamamoto
- 79 min.
Reflexión sobre as cidades de París e Toquio e sobre o mundo da moda a partir da figura do deseñador xaponés Yohji Yamamoto.
- Ano:1989
- Países de producción: Alemania, Francia
- Guión: Francois Burkhardt, Wim Wenders
- Fotografía: Masasai Chikamori, Muriel Edelstein, Uli Kudicke, Robby Müller, Musatocki Nakajima, Wim Wenders
'Consideracións en torno a dous filmes "xaponeses" de Wim Wenders', en Vértigo nº2
Jaime Pena
Nun determinado momento de Sans Soleil, Chris Marker abandona Xapón e desplázase ata San Francisco para reencontrarse cos escenarios reais que servían de marco á traxedía de Scottie e Madeleine na obra mestra de Alfred Hitchcock, Vertigo. (...) Idéntica motivación fetichista parece subxacer na posta en marcha de Tokyo-Ga, o film-homenaxe de Wim Wenders ó mestre xaponés Yasujiro Ozu. A cita previa a Sans Soleil non debería ser tomada dun modo gratuíto; o propio Chris Marker -ou, máis ben, o seu ollo- aparece nas imaxes de Tokyo-Ga. (...)
Wenders, di el, viaxa a Toquo para reencontrar as pegadas do cine de Ozu, as súas paisaxes urbanas, os seus temas: a desintegración da familia, a occidentalización da sociedade xaponesa. Pero o primeiro sobre o que Wenders fixa a súa atención non é aquilo que tradicionalmente se ten asociado coa cultura nipona -o kabuki, o sumo, o tren monorrail, etc., etc. - senón, polo contrario, os fenómenos de raigame ocidental traducidos á particular idiosincrasia do país: o golf transformado nun simple xogo de tiro ó blanco, os rockabillies de ollos rasgados ou a sublimación hipnotizante da ludopatía: o pachinko. (...) Pero non podemos esquecer que Tokyo-Ga leva un subtítulo esclarecedor, «Un diario filmado de Wim Wenders», e non é este un dato que debamos tomar á lixeira. Un diario, sexa filmado ou escrito, é sempre terreo abonado para a autoconfesión antes que para a indagación sobre persoas ou feitos alleos. Non nos ha estrañar, entón, que Tokyo-Ga diga máis sobre o seu propio autor que sobre o personaxe que se propón investigar. Proba disto constitúeo o renomeado momento no que Wenders filma por dúas veces o mesmo plano dun calexón: a primeira co seu obxectivo habitual, a segunda cun 50 milímetros, o obxectivo que Ozu utilizou ó longo de toda a súa vida. «Surxíu outra imaxe, unha imaxe que xa non me pertencía». (...)
Coa lección ben aprendida da súa anterior experiencia, cando o Centro Pompidou lle encarga a realización dun documental sobre o modisto xaponés Yohji Yamamoto, Wenders rodaráo a cabalo entre París e Toquo. De novo, o que tería que ter sido unha reportaxe sobre un creador, aínda que agora non do cine senón da moda, unha figura viva de resonancia internacional, o que se pode entrevistar sen que sexa preciso rebuscar entre os seus restos ou o se legado, de novo, diciamos, a reportaxe deriva cara o diario íntimo. Anotacións sobre cidades e vestidos, en tanto deixa parcialmente a un lado o cine, adquire agora unhas tonalidades máis tímidas e inseguras, autoxustificatorias se se quere. O obxecto da reflexión é o mundo da moda, pero o subxecto segue sendo Wenders.
Yamamoto non é máis que o pretexto; un pretexto que, por outro lado, a Wenders Ile vén como anel ó dedo. Yamamoto é un producto perfecto do Xapón que Wenders nos tiña mostrado en Tokyo-Ga. As divagacións de Wenders toman como punto de referencia o moderno mundo urbano, a vida nas cidades e, sobre todo, o estatuto das novas imaxes electrónicas. Este parece ser o tema verdadeiro de Anotación..., film rodado na sua maioría en vídeo doméstico e coa presencia case constante e a modo de discurso paralelo da pequena pantalla do vídeo walkman de Sony. Wenders di sentirse máis cómodo co ollo electrónico da cámara de vídeo, xa que este foi asumido como algo cotiá, totalmente alleo á idea de transgresión e de violación da intimidade que a cámara cinematográfica comporta. Unha destas imaxes videográficas é a que o autor selecciona para concluir o seu discurso: unha escena que capta «in fraganti» ás axudantes de Yamamoto -»anxos da guarda» as chama Wenders- no momento mesmo da creación artística. Non deixa de ser sintomático que esta imaxe «anxelical» -lémbrese Ceo sobre Berlín, metáfora da creación cinematográfica- veña a continuación do paralelismo que Wenders establece entre o mundo do cine e o da moda con Yohji Yamamato no papel de director. (...)
A nosa conclusión ven resumida nunha secuencia de Anotacións... que mostra a Yohji Yamamoto repitindo uhna e outra vez sobre unha parede a súa imaxe de marca, a súa sinatura. Wim Wenders, ó igual que ocurría en Tokyo-Ga, imprime o seu selo persoal sobre cada un dos planos da película que, non por casualidade, se inicia ó modo das suas vellas «road movies»: a bordo dun automóvil, circulando por unha autopista.