Ross Lipman: The Exploding Digital Inevitable & Crossroads
- 96 minutos
THE EXPLODING DIGITAL INEVITABLE
Ross Lipman, EE. UU., 2016, conferencia performativa, 56 min. aprox.
Un percorrido polo interior de Crossroads, de Bruce Conner, e polo interior dos explosivos materiais cos que foi fabricada.
CROSSROADS
Bruce Conner, EE. UU., 1976, 35mm a DCP, 30 min.
Crossroads, unha das máis importantes obras do cinema experimental do icónico artista e pioneiro no campo do found footage Bruce Conner, en todo o seu esplendor visual, auditivo (na súa banda sonora orixinal de Terry Riley) e crítico, grazas á restauración levada a cabo por Ross Lipman.
- Ano:1976
- Países de producción: Estados Unidos
Ross Lipman: The Exploding Digital Inevitable & Crossroads
(S8) Mostra de Cinema Periférico
A restauración e conservación de cinema implica un grao importante de intimidade coa obra coa que se traballa. Máis aló dos coñecementos técnicos, saber e entender os intereses e intencións dos artistas cuxa obra se trata é fundamental, e é por iso que quen mellor poden e saben levar a cabo este labor son quen sente unha inmensa paixón polo cinema e pola súa creación. É o caso de Ross Lipman, cuxo traballo se expande máis aló da preservación cara á creación e a investigación, facetas que cristalizan na súa obra como cineasta e divulgador, ou como todas esas cousas á vez. É o que sucede na presentación que hoxe nos ocupa, unha sorte de conferencia expandida, charla ilustrada, ou master class performativa, a través da cal Lipman comparte co mundo o produto da extensa investigación realizada ao redor dunha das obras máis fascinantes da historia do cinema, Crossroads, de Bruce Conner, de cuxa restauración se encargou.
O estadounidense Ross Lipman é unha das figuras máis destacadas do campo da preservación, investigación e creación de cinema a día de hoxe. Os seus traballos de restauración inclúen desde títulos de cineastas como Shirley Clarke, John Cassavetes, Kenneth Anger, Bruce Conner e Thom Andersen, entre moitos outros, ata obras icónicas como Killer of Sheep de Charles Burnett ou Wanda de Barbara Loden. Unha actividade que se expande á difusión, a través de numerosos ensaios publicados en distintas revistas e publicacións, e de charlas e conferencias. Recentemente ese labor na preservación ten intersectado coa súa carreira como cineasta, materializándose en películas como Notfilm, na que aborda o proceso de restauración de Film, de Samuel Beckett, abarcando tamén as circunstancias da creación da película e o cinema producido por Beckett. Lipman leva producindo películas narrativas, documentais, ensaísticas e experimentais desde finais dos 80, labor que tamén pon a exame no seu último filme, Between Two Cinemas (2018), no que examina precisamente as singularidades de estar atrapado entre os mundos do cinema de autor e do cinema experimental, que ás veces parecen galaxias afastadas.
No contexto multidisiciplinar no que se move Lipman, The Exploding Digital Inevitable (cunha chiscadela ao Exploding Plastic Inevitable de Warhol, no seu título e no seu carácter híbrido) sitúase a medio camiño da conferencia, a performance e o cinema ensaio. Neste traballo percorre o contexto da produción de Crossroads, desde as circunstancias nas que se xerou o chocante material co que Conner a fabricou (o concienzudo, tolo, e terrorífico rexistro do exército americano da Operación Crossroads, as probas de bombas atómicas realizadas no Atolón Bikini en 1946), ademais de situar a obra de Conner, o tempo no que se produciu, e algúns detalles da súa preservación nesta era dixital que vivimos. Un traballo no que as imaxes, a palabra, documentos de todo tipo e clips de vídeo conéctanse a través do traballo investigador e asociativo de Lipman, con excepcional coñecemento, sentido crítico e do humor. Todo un traballo sináptico ao descuberto.