Dous fragmentos/ Eva
Ángel Santos, 2011
80'. Presentación a cargo do seu autor. Entrada de balde.
DOUS FRAGMENTOS/EVA
(España, 2012)
Dirección e guión: Ángel Santos. Produción: Matriuska Producciones. Fotografía: Alberto Díaz, “Bertitxi”. Intérpretes: Iria Pinheiro, Isak Férriz, Fernando Tielve. Duración: 80 minutos.
“Despois dunha noite de amargas discusións, e tras decidir separarse, unha parella de amantes esgota as derradeiras horas da súa relación percorrendo a cidade que están a visitar. Dous fragmentos/Eva é un filme duplo. Nel nárranse pouco máis de vintecatro horas na vida de Eva, unha muller na trintena, que atravesa, sen ser consciente deste feito, un período de crise persoal e sentimental. Nun primeiro momento —durante o día— xunto ao que aínda é o seu amante, e máis tarde —co caer da noite— na inesperada compaña dun mozo, estudante universitario, ata a chegada do amencer, definitivamente soa.
O día e a noite trazando unha liña de separación entre as dúas partes dun mesmo filme e dividindo dous momentos na traxectoria vital dunha muller. Unha viaxe emocional na que a inseguridade das relacións afectivas, a vertixe da madurez e a soidade reflectiranse no deambular de Eva, a nosa protagonista, perdida nunha cidade allea.
Unha visión dobre que se fai extensible ao tratamento estrutural e formal do filme. A primeira parte trátase e desenvólvese cunha estrutura dramática máis ‘clásica’. O traballo sobre o guión e a interpretación, así como o previo de planificación, aínda con vontade de contención e minuciosidade nas composicións, son os elementos naturais do seu desenvolvemento. Cando o filme, na súa segunda metade, se rache —como lle sucede á propia Eva— coa definitiva separación da parella, a nosa mirada sobre ela non pode seguir sendo a mesma. Agora, Eva pasa a converterse no centro absoluto da imaxe. A súa ollada conduciranos nunha viaxe desorientada e chea de pequenos descubrimentos. Esta segunda parte non está definida de xeito estrito por un guión ou por unha planificación previa; constrúese o relato a partir dos propios personaxes e da especifidade de cada situación e cobra moita máis importancia o ‘tempo’ e a duración das escenas que a súa planificación previa. A improvisación –no sentido bressoniano do termo: “Provocar o inesperado. Esperalo.”– é por tanto, parte fundamental deste proceso. Unha parte oporase así á outra, reflectíndose mutuamente e outorgándose sentido unha nas imaxes da outra, tratando de extraer neste proceso de ‘baleirado’ —como Miguel Anxo cos seus ‘escravos’—, unha imaxe ‘verdadeira’” (Ángel Santos).