N-VI
Pela del Álamo, 2012.
86'. Vídeo. Presentación do seu autor. Entrada de balde.
N-VI
(España, 2012)
Dirección e guión: Pela del Álamo. Produción: Diplodocus Producións. Fotografía: Francisco Arnoso “Pixi”. Duración: 86 minutos. Un proxecto de longo percorrido, N-VI penetra desde a sensibilidade da non ficción contemporánea no túnel do tempo dunha estrada mítica. ”Antes viaxabamos por estradas que atravesaban lugares habitados. Hoxe, aquelas estradas foron substituídas por autoestradas illadas da paisaxe que atravesan. Durante moito tempo, a N-VI foi unha das estradas máis importantes de España. Unía Madrid con Galicia ao longo de 600 Km. Agora, a autovía A-6 cobre todo o traxecto. Algúns tramos da vella N-VI desapareceron, outros quedaron case abandonados, como illas á deriva, quilómetros de asfalto que empezan e rematan en ningures, e con eles as aldeas e os pobos que atravesaban. Lugares de pasaxe onde aparentemente xa non acontece nada. Nas marxes daquela estrada permanecen os seus habitantes, encallados nun presente sen demasiado futuro, desconectados entre si, como en compartimentos estancos nos que cada un dialoga á súa maneira co paso do tempo” (Pela del Álamo).