Sesión 6: Lente ancha
Manuel Herrera, 1972
120'. 35mm. Subt. Galego
Girón
Manuel Herrera, 1972, 35mm. 120’
Girón é un docudrama tremendamente orixinal sobre a frustrada invasión norteamericana da Bahía de Cochinos de 1961, onde se deconstrúe a representación cinematográfica convencional do heroísmo. A película combina imaxes de arquivo, entrevistas, escenificacións e narración en off para tecer un relato do ocorrido onde quen dá conta dos feitos non son expertos, analistas e líderes, senón persoas normais que no seu momento participaron nos acontecementos e logo voltaron ás súas vidas. Todas estas características reciben unha dimensión amplificada ao se filmaren no formato de pantalla panorámica, propio do xénero bélico, co efecto de subverter o modo dominante do cine como espectáculo. Os testemuños están gravados nas localizacións reais e a película reconstrúe as historias atrás dos seus protagonistas entrementres estes falan. A diferenza entre documental e escenificación non se agocha, senón que máis ben se enxalza, así que o resultado é a deconstrución do imaxinario do cine bélico.