THOMAS HEISE. FRAGMENTOS DE BUSCA (PUNTO DE VISTA)
Del 1 de marzo de 2013 al 30 de abril de 2013
En colaboración con Punto de Vista. Festival Internacional de Cine Documental de Navarra.
Ampla retrospectiva do cineasta alemán Thomas Heise, cronista das rupturas e das continuidades que marcaron o proceso de reunificación da Alemaña dividida. Primeira retrospectiva desta magnitude que se fará do autor en España, complementada pola edición dun libro monográfico dentro da colección Punto de Vista. Nado en Berlín do Leste en 1955, Thomas Heise iniciou a súa carreira como asistente de director na DEFA (Estudio Cinematográfico de Longametraxes de Potsdam Babelsberg) en 1975. De 1978 a 1983 estudou Cine e Televisión. Realiza con materiais atopados no mercado negro a súa ópera prima, Why a Film about such People?, un filme que permanece prohibido ata 1990. Desde esa aparición traballa como escritor e director de teatro, radio e documental. O seu labor como documentalista céntrase no retrato das clases desfavorecidas da sociedade da Alemaña oriental nos anos 80 ata a caída do muro. A partir dese momento, as súas películas reflicten os efectos máis devastadores da reunificación sobre os grupos de poboación civil. Nos últimos anos o seu traballo amplía temáticas e xeografías.
O ciclo recupera algúns dos traballos máis importantes de Heise, tanto da súa primeira como da súa segunda etapa. Desde o xa clásico Material ata títulos como Eisenzeit/Ironage, que aborda o nazismo latente no país logo da unificación, axudan a tecer unha idea complexa da Alemaña contemporánea, mentres que Die Lage/Condition ou, o traballo máis recente, Gegenwart/Consequence, son películas que achegan outro tipo de ollada crítica sobre unha sociedade, a alemá que, selado o proceso de unificación, se interna nas novas dinámicas do século XXI.
Agradecementos: Thomas Heise, La Casa Encendida, Deckert Distribution, Goethe Institut de Buenos Aires.