Straub e Huillet: Hölderlin
Del 22 de febrero de 2017 al 20 de abril de 2017
“En 1986 Straub-Huillet produciron a súa primeira adaptación dunha obra escrita polo dramaturgo e poeta alemán Friedrich Hölderlin. La muerte de Empédocles baseouse na peza inacabada de Hölderlin sobre o filósofo presocrático grego Empédocles, quen abandona a súa posición como líder político e escolle primeiro o exilio, despois a morte, como o seu compromiso final cunha vida libre gobernada só polas divinas leis da natureza. A obra termina co seu suicidio, en que se guinda a un volcán, o monte Etna. Hölderlin escribiu tres versións diferentes da traxedia.
O filme baséase na primeira versión escrita en 1798. Dous anos despois, a parella fixo Oscuro pecado (1988), baseado na terceira versión de Hölderlin (1799). Ambos os dous filmes rodáronse en Sicilia. (...)
Se cadra, porque a rodaxe con iluminación natural puidera ter causado problemas potenciais no que toca á calidade da metraxe, tirouse unha cantidade absolutamente inusual de negativo co que montar. Como a maior parte acabou por ser utilizable, Straub-Huillet decidiron producir máis dunha versión final do filme e obtiveron como resultado catro variantes diferentes tanto de La muerte de Empédocles como de Oscuro pecado. A estrutura de todas as versións segue a mesma orde de planos, mais emprega diferentes tomas. Dependendo das condicións visuais e de son de cada toma, os cortes varían lixeiramente, polo que cada versión difire en duración. Para Straub, a versión máis curta de La muerte de Empédocles (a “edición de Hamburgo”, creada como parte dun seminario para estudantes de cine) é practicamente a versión máis bela de todas, porque conta co maior contraste e a saturación de cor máis forte por mor das condicións lumínicas das tomas escolleitas. Coñécese tamén como a “versión do galo”, xa que inclúe unha toma en que se pode ouvir o canto dun galo; mentres a primeira versión, coñecida como a edición de Berlín (usouse para o pase no Festival Internacional de Cine de Berlín) denomínase tamén a “versión do lagarto”, porque un lagarto atravesa un dos planos. (...)
Straub e Huillet fixeron dúas versións da súa terceira adaptación de Hölderlin en 1991, Antígona (a tradución completa do título orixinal sería A Antígona de Sófocles tirada da tradución de Hölderlin e adaptada para o teatro por Brecht en 1948). Como suxire o título, unha serie de autores deixou as súas marcas no texto. (...)
A adaptación de Straub-Huillet filmouse nas ruínas do antigo Teatro di Segesta en Sicilia. Anticipáronse ás posteriores postas en escena das producións de Pavese e interpretaron a obra antes de filmaren, tanto no Schaubühne de Berlín coma no Teatro di Segesta. Similar a Moisés y Aarón, o espazo do anfiteatro forneceu aos directores unha localización controlada e permitiulles desenvolver aínda máis a estratexia de cámara fixa usada en producións previas: desta vez toda a película se filma dende un único ángulo de cámara”.
Claudia Pummer, "(Not Only) for Children and Cavemen. The Films of Jean-Marie Straub and Danièle Huillet", en Ted Fendt (ed.) Jean-Marie Straub & Danièle Huillet. Vienna, Filmmuseum Synema Publications, 2016.
![Der Tod des Empedokles oder: Wenn dann der Erde Grün von neuem Euch erglänzt / La muerte de Empédocles Der Tod des Empedokles oder: Wenn dann der Erde Grün von neuem Euch erglänzt / La muerte de Empédocles](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/programacion_3697.jpg?itok=anNaytTs)
Der Tod des Empedokles oder: Wenn dann der Erde Grün von neuem Euch erglänzt / La muerte de Empédocles
![Die Antigone des Sophokles nach der Hölderlinschen Übertragung für die Bühne bearbeitet von Brecht 1948 (Suhrkamp Verlag) / Antígona Die Antigone des Sophokles nach der Hölderlinschen Übertragung für die Bühne bearbeitet von Brecht 1948 (Suhrkamp Verlag) / Antígona](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/programacion_3698.jpg?itok=uwCL232c)