Seff 2015: Peter Tscherkassy/ Paul Vecchiali
Del 30 de octubre de 2015 al 1 de diciembre de 2015
En colaboración co Festival de Cine Europeo de Sevilla (SEFF).
Agradecementos: Peter Tscherkassky, Paul Vecchiali, Sixpack (Austria), Olivier Rechou (Francia), Gérard Guilor (Francia), Cosimo Santoro/Open Reel (Italia).
Paul Vecchiali “O amor e o desexo, en todas as súas formas e matices, son o motor do cine de Paul Vecchiali, que discorre por un camiño propio á hora de tratar estas cuestións: cunha mestura imposible e única de humor, ramallazos de musical, fonda humanidade, sensualidade, alienación e unha posta en escena viva e cambiante, Vecchiali converteuse nunha das voces máis particulares e apreciadas do cine francés. A súa carreira comeza nos anos sesenta como produtor das primeiras películas de Jean Eustache, antes de crear a súa propia produtora, Diagonale, en 1976. Amigo próximo de Jacques Demy, Vecchiali colaborou como crítico en publicacións como Cahiers du cinéma e Revue du cinéma. As súas numerosas obras puidéronse ver en Cannes, Venecia, Locarno ou Marsella. Un cineasta único na súa especie, que o mesmo se pode aliñar con certa caste de cineastas franceses e alemáns dos setenta, que coas novas xeracións. Sempre novo e sen medo: nin á vida, nin á morte.” (Programa da 12ª edición do Festival de Cine Europeo de Sevilla)
Peter Tscherkassky (Viena, 1958) é das voces máis consolidadas do panorama experimental internacional e, en particular, de Austria, un dos países europeos cunha maior tradición neste campo (Peter Kubelka, Kurt Kren, etc). Traballando sempre con 35 mm e servíndose en ocasións dun espectacular Cinemascope, as súas películas atraen pola asombrosa combinación de imaxe e son, que fai do seu visionado toda unha experiencia sensorial a través da manipulación analóxica: crebaduras e superposicións nos fotogramas; ruídos, zunidos e silencios na pista de audio. Para esa remestura, Tscherkassky parte da apropiación de materiais de ficción e found footage, que fía de forma exquisita nunhas pezas fílmicas onde son recursos habituais a referencialidade e a fragmentación. O CGAI leva programando as súas obras desde hai uns vinte anos, mais esta é a primeira vez en que se presenta unha sorte de retrospectiva con dous programas escolleitos polo propio autor e entre cuxos títulos se inclúe o seu último traballo, The Exquisite Corpus, estreado na última Quincena dos Realizadores do Festival de Cannes.