Samuel Fuller (IV)
Del 1 de abril de 2010 al 30 de abril de 2010
En colaboración con IVAC-La Filmoteca de Valencia.
Barroco, expresivo, desmitificatorio, libre, locuaz, cheo de audacia visual e pletórico de pulso narrativo, Samuel Fuller (1912-1997) comeza a súa traxectoria como director en 1949 con Balas vengadoras (1949), un filme onde a elección do tema (o asasinato do célebre pistoleiro Jesse James) e o punto de vista (a perspectiva do seu asasino, Bob Ford) xa prefiguran o carácter insólito e a procura de relatos atípicos que marcan a súa carreira, un percorrido que remata corenta anos despois con Calle sin retorno (1989).
Máis de dez anos despois da súa morte, Fuller permanece como un cineasta de primeira orde, un narrador nato dono dunha produtiva imaxinación que incluso o levaría a asesorar a xentes como Bogdanovich ou Wenders, ou influír en importantes directores (de Godard a Scorsese e Tarantino). Lonxe quedan os tempos nos que permanecía como un autor infravalorado, demasiadas veces acusado de maniqueo e sensacionalista (Fuller fora de mozo un inspirado reporteiro de sucesos) e de realizar títulos desiguais, así como de ter un discurso ambivalente. Creador de set pièces memorables en todas as súas películas –por iso ningunha ten desperdicio-, dialoguista xenial, Fuller xunta palabra e sentido da imaxe a través de 23 títulos, westerns, filmes bélicos, policiais, algúns deles tan coñecidos como Manos peligrosas (1953), Yuma (1957), Corredor sin retorno (1963), Una luz en el hampa (1964) e Uno Rojo, división de choque (1980) e outros, menos coñecidos, pero inscritos na Historia do cinema como Forty guns (1957) –o título co que premeditadamente abrimos esta completa retrospectiva-, The Crimson Kimono (1959), Underworld USA (1960) ou Perro blanco (1981), o incisivo e antirracista relato que fixo, froito da incomprensión cara á súa obra, que abandonase os Estados Unidos e lles dese forma aos seus últimos traballos en Europa, lugar onde o cine de Fuller recibira unha xusta valoración. O ciclo segue nos vindeiros meses.
Agradecementos: Cooper Films, Eduard Ferrer, British Film Institute (Reino Unido), Andrew Youdell, Geraldine Higgins, Hollywood Classics (Gran Bretaña), Fox (Estados Unidos), Nicholas Varley, Park Circus (Gran Bretaña).