(S8) Mostra de Cinema Periférico
Del 28 de abril de 2017 al 3 de junio de 2017
Oito edicións leva xa ás súas costas o (S8), coincidencia numérica significativa para o espírito do festival, e que chama á celebración de aniversario. Vaise consolidando o camiño das edicións temáticas e a presente xira arredor do found footage (mais expándese o concepto ao objet trouvé) baixo o título Obxectos e aparicións, en alusión ao poema que dedica Octavio Paz ao surrealista americano Joseph Cornell, faro guía da programación, do que veremos unha sesión cos seus pioneiros traballos de metraxe atopada. Abordándomos o doméstico dende diferentes ángulos (dende os métodos, un, dende a purga de antigas feridas, outro), observaremos o traballo da francesa Cécile Fontaine e do estadounidense Luther Price. Found Sounds é o programa elaborado por Mónica Savirón sobre a obra da holandesa Barbara Meter, cos traballos da propia Savirón a modo de coda. “Oficina de obxectos perdidos” compendia dous programas de apropiación recente. Stephen Broomer (un dos novos impresionistas do ano pasado) volve para estrear a súa longametraxe Potamkin, obra sobre o crítico de cine do mesmo nome. Complétase o especial coas instalacións de Price, Fontaine e María Cañas (coas súas “videomaquias risastentes”), e coa proxección en colaboración co CGAI de Star Spangled to Death, a monumental obra de Ken Jacobs.
Outrosí, asistiremos á obra do artista italoamericano Aldo Tambellini, figura clave da contracultura dos anos 60, que se despregará en forma de sesión dedicada aos seus Black Films, auténticas pinturas en movemento, unha “black letter” (a súa particular carta branca sobre o neoiorquino Black Gate Theatre), unha noite de performance e unha videoinstalación. O súper 8 estará representado a través da fráxil, mais poderosa obra da alemá Helga Fanderl, e do cine de Steve Polta, que tamén trae da Cinemateca de San Francisco unha escolma de películas de Crossroads, festival invitado. Desbordamentos, sección dedicada ao film performance, trae La noche inventada de Albert Alcoz e Blanca Viñas, o traballo do colectivo francés Nominöe e o da australiana Sally Golding. Galicia estará presente na sección Sinais, ademais de en Sinais en curto –escolla de novas creacións galegas–, nunha sesión especial da realizadora e montadora Diana Toucedo, e na videoinstalación da viguesa Xisela Franco.
Agradecementos: Helga Fanderl, Steve Polta, Mónica Savirón, Barbara Meter, Ken Jacobs, Miguel Mariño, Manolo González, LUX, Arsenal, Canyon Cinema, EYE Filmmuseum, Amsterdam, Milwaukee Underground Film Festival e Museum of the Moving Image.