(S8) Mostra de Cinema Periférico
Del 30 de mayo de 2016 al 4 de junio de 2016
(S8) Mostra de Cinema Periférico celebra a súa sétima edición
do 1 ao 5 de xunio, reunindo un ano máis a sobranceiros nomes
do cine experimental. Unha edición especial baixo o nome Os
novos impresionistas, título que pretende facer unha chiscadela
a varios dos artistas que nos visitan, na súa procura incansable
de retrataren a luz. Xiran arredor dese tema os programas
dedicados a cineastas como o canadense Stephen Broome e o
francés Jacques Perconte. A escolma abrangue tamén un programa
de varios autores cuxa obra estudia a luz e as cualidades
pictóricas de cine e vídeo. O impresionismo como vangarda
histórica, por outra parte, estará representado nunha sesión
consagrada a Germaine Dulac, pioneira do cine e parte dos chamados
impresionistas franceses dos anos 20.
O (S8) traerá á cidade, como vén sendo costume, varias figuras
chave do cine de vangarda. É o caso do estadounidense
Saul Levine, que desde finais dos sesenta xunta o cine diarístico
coa busca formal e a militancia política ao utilizar como
ferramenta fundamental o Súper 8. De Inglaterra chegan os
cineastas ligados á mítica London Filmmakers Co-op: por
unha banda, Nicky Hamlyn, que fará a estrea na Coruña dun
novo filme performance feito para a ocasión ademais de presentar
un programa retrospectivo dos seus filmes. Por outra
banda, o veterano William Raban, figura incontornable do cine
espallado desde os anos setenta, ofrecerá unha máster class
en que tratará sobre o tempo e a materialidade do soporte
fílmico e onde se ha incluír a súa performance Take Measure.
Agradecementos: William Raban, Nicky Hamlyn, Saul Levine,
Andrés Duque, Chris Kennedy, Vtape, Filmoteca de Cantabria.
Eugeni Bonet, Albert Alcoz, CREA.