Peter Watkins (e II)
Del 1 de febrero de 2005 al 28 de febrero de 2005
En colaboración con: Festival Internacional de Cine de Gijón, IVAC-La Filmoteca e Filmoteca Española.
A Historia do cinema está atravesada por lendas sobre cineastas incorruptibles que antes de se sentiren atrapados polo afán de gustar prefiren a automarxinación e privilexian o silencio ao encargo. Peter Watkins é un destes incorruptibles. Antes de sucumbir no imperio do banal preferiu converterse nun nómade do cine condenado ao esquecemento. Watkins foi recoñecido pola crítica internacional nos anos sesenta, a raíz do escándalo xurdido polo boicot da BBC ante as crúas imaxes de “The War Game” (1966), onde recreaba unha hipotética explosión nuclear no Reino Unido, e converteuse nun auténtico maldito para a crítica americana cando en “Punishment Park” (1970) estableceu unha terrible alegoría sobre a existencia dun campo de concentración para rebeldes e pacifistas que se opuxeron á guerra de Vietnam. Para moitos, Watkins desapareceu nos anos setenta, a pesar de que continuou a realizar obras fundamentais e radicais que non se axustaban ao cinema convencional e aos estándares da temporalidade do cinema de consumo. O último traballo de Watkins, “La Commune”, constitúe, entre outras cousas, unha curiosa relectura das relacións entre o cinema e os discursos da historia, a partir da ruptura da ilusión da representación mediante a disolución da fronteira que separa o actor do personaxe.
A figura de Peter Watkins adquire hoxe unha grande actualidade, xa que as súas investigacións non fan máis que atravesar algúns dos temas claves do debate cinematográfico contemporáneo. Watkins foi un dos primeiros cineastas a rachar de forma radical as fronteiras entre o documental e a ficción introducindo a estética da reportaxe televisiva nos discursos históricos e documentalizando as ficcións sobre un futuro probable. Por outra parte, nun momento en que o político, entendido como forma emancipadora nas relacións do ser respecto á sociedade, empeza a conquistar o territorio da arte e a xerar importantes debates sobre a forma de compromiso no cinema, a incorrección política do discurso de Peter Watkins acaba por ser profética.