Novos cinemas
Del 24 de febrero de 2017 al 25 de abril de 2017
Nicholas Ray recomendaba ao estudantado que aspiraba a dirixir concibir cada filme como algo que se fai por primeira ou última vez. Porque cada película posúe un carácter único e resulta imposible adiviñar o futuro vital e laboral, Ray cominaba a abrazar a incerteza e a concentrar todos os esforzos no proceso de elaboración dunha obra cinematográfica concreta: sen ter en conta que vai acontecer despois, cando todo remate.
Novos Cinemas. Festival Internacional de Cinema de Pontevedra focaliza parte do seu obxectivo na descuberta e difusión das obras de realizadores e realizadoras emerxentes. Por mor disto, a sección competitiva do festival só admite a concurso aquelas primeiras e segundas longametraxes que, ao noso entender, mellor representen os trazos temáticos, estéticos e formais que caracterizan o cinema contemporáneo máis relevante. Nove longametraxes compiten na Sección Oficial e optan aos seguintes premios: Premio NOVOS CINEMAS á mellor longametraxe, Premio XURADO NOVO e Premio do PÚBLICO.
Inmersos na Edición 02 –que se celebrará entre o 27 de xuño e o 02 de xullo–, o equipo do festival presenta ao público herculino os filmes galardoados na Edición 01 de Novos Cinemas.
Filmes do ciclo
Ted Fendt destila en Short Stay –Premio XURADO NOVO–, e en apenas 61 minutos, tanto o imaxinario mumblecore, como a tradición estética dos inadaptados e os perdedores do cinema dos anos setenta para afondar no periplo dun suxeito incapaz para a vida adulta e ao que sempre lle pasa o sol pola porta. Dotada dunha economía formal tan depurada, sinxela, funcional, como esteticamente efectiva, Short Stay revela que o cinema estadounidense de escaso orzamento segue a dar bos froitos.
Siembra –Premio do PÚBLICO–, proxecto nacido no contexto universitario, reflicte o sentir das comunidades rurais obrigadas a migrar cara a contornas urbanas por circunstancias alleas á súa vontade. Ángela Osorio e Santiago Lozano converten ao Turco nun paradigma do desarraigamento, da morriña e da inadaptación. O pranto pola terra abandonada adquire dimensións monumentais cando un feito traumático fai tremer o fráxil universo do protagonista.
Dende unha óptica ben diferente, Kaili Blues –Mención especial do xurado–, bota man de certa tradición estética –a da sexta xeración de cineastas chineses– para asinar un dos traballos de maior beleza formal e sensorial –co permiso de Dead Slow Ahead– da Edición 01 de Novos Cinemas. Gan Bi parte dunha premisa fundacional da cultura chinesa e vertebra unha proposta cuxa concepción temporal convida ao espectador a se deixar levar e a inferir que acontece perante os seus estimulados sentidos.
John From –Premio NOVOS CINEMAS á mellor longametraxe–, que se presenta como un relato estival con protagonista adolescente, defrauda grácil e vigorosamente calquera expectativa previa ao abismarse –grazas á capacidade de João Nicolau para conxugar múltiples referencias xenéricas e estéticas– para propoñer un libérrimo exercicio narrativo que aspira a materializar audiovisualmente toda a potencialidade estética que comporta o imaxinario da paixón adolescente.