Novo Cine Alemán (II)
Del 1 de enero de 2008 al 31 de enero de 2008
En colaboración co Festival Internacional de Cine de Gijón, IVAC-La Filmoteca de Valencia e Filmoteca Española.
Séptima entrega da serie dos Novos Cines xurdidos principalmente nos anos sesenta, nesta ocasión dedicada a Alemaña. O ciclo ven acompañado da publicación, compartida polo CGAI co Festival Internacional de Cine de Gijón, IVAC-La Filmoteca de Valencia e Filmoteca Española, “Paisajes y figuras: perplejos. Nuevo Cine Alemán (1962-1982)”, coordinado polos críticos e historiadores José Enrique Monterde e Carlos Losilla.
“En 1962, no festival de curtametraxes de Oberhausen, un grupo de cineastas firmou un manifesto que habitualmente se considera o principio do movemento en cuestión. En 1965, co apoio de diversas institucións creadas naquel momento de efervescencia cultural e política, comezan a aparecer as primeiras mostras dun cine que necesitaba rachar cun pasado nebuloso e traumático. Pero non é ata finais dos sesenta e principios dos setenta cando cineastas como Werner Herzog e Wim Wenders, logo os máis carismáticos do grupo, empezan a despuntar coas súas primeiras longametraxes. Sorprende a variedade de propostas que se axitan no seu seo. Directores como Hans-Jürgen Syberberg ou Werner Schroeter instálanse firmemente na experimentación estética baseada nas formas tanto da tradición popular como da “alta cultura”, sen prexuízos de ningún tipo, e non obstante a súa exploración dese pasado ten moito que ver co cine manierista de Wenders, cuxas fontes principais deben localizarse no clasicismo americano, ou incluso co de Herzog, máis escorado cara á interrogación acerca dos nexos que poden unir expresionismo e obxectivismo. A actual reivindicación dunha personalidade como a de Rainer Werner Fassbinder resume perfectamente ese cruzamento de destinos, pois o seu eclecticismo formal, a súa preferencia pola mestura de materiais –o realismo decimonónico e Douglas Sirk, poñamos por caso-, resume dunha maneira moi gráfica esa oscilación constante entre a necesidade de romper co pasado e a resistencia deste á desaparición, aínda que sexa en forma de marcas estilísticas. Hai que enfrontarse a unha memoria atroz aínda inmaculada cando aparecen estes cineastas novos, pero tamén hai que renovar formas caducas e improdutivas, aquelas que invadiran as pantallas do país desde o final da guerra. Directores como Alexander Kluge ou Jean-Marie Straub & Danièle Huillet lanzaranse ao límite desta carreira desenfreada contra si mesmos que concluíu na súa marxinación do mercado cultural. Outros, como Volker Schlöndorff, souberon aproveitala para sentar as bases do novo cine europeo de qualité. E, en fin, o enfrontamento resultante dá lugar á característica máis sorprendente deste “novo cine” en relación aos seus coetáneos: ningún destino como o de Wenders ou Kluge, ningunha morte como a de Fassbinder, ningunha outra situación política como a que tivo lugar en Alemaña durante os chamados “anos de chumbo”, souberon ilustrar con tanta precisión ese sentimento de apocalipse ideolóxica, de fin de todas as utopías, que se instalou na conciencia progresista do continente a finais dos anos setenta. De novo a patria de Nietzsche erixíase na conciencia de Europa, tal como o volvería facer algo máis de dez años máis tarde coa caída do muro. E de novo aparecía consumida polas sombras do pasado, sempre renovadas no eterno retorno do sinistro”.
Carlos Losilla
Agradecementos: Werner Herzog Filmproduktion (Alemaña), Werner Herzog, Irma Strehle, Antonio Exacoustos, Fundación Fassbinder, Annemarie Abel, Reverse Angle Pictures GmbH (Alemaña), Jona Wilbeleit, Contemporary Films (Reino Unido), Peter Schamoni, Oliver Keutzer, Seitz Filmproduktion (Alemaña), Francisco Jiménez, Goethe Institut Madrid, Anke Hahn, Deutsche Kinemathek (Alemaña), Markus Wessolowski, Österreichisches Filmmuseum (Austria), Klaus Volkmer, Filmmuseum im Münchner Stadtmuseum (Alemaña), Marleen Labjit, Filmmusem Amsterdam (Holanda), Edgar Reitz, Ulrich Schamoni, Peter Schamoni.