Novas Emocións Novos Espectadores
Del 1 de enero de 2010 al 31 de mayo de 2010
Programación cinematográfica para institutos. A programación consta de cinco títulos que se proxectarán de xaneiro a maio no seu formato e lingua orixinal (cine 35 mm, versión orixinal subtitulada en castelán). Todos os pases teñen lugar na sala de cine do CGAI.
No contexto social actual as imaxes prodúcense e recíbense sobre todo como produtos de consumo, por iso é necesario e urxente poder acceder ao cine como arte. Con este fin, elaborouse unha programación que nos quere achegar ao cine como creación artística, ás miradas dos cineastas sobre o mundo e a súa forma de traballo. O obxectivo é aprender a ser espectadores capaces de analizar os procesos creativos e expresivos da arte cinematográfica e, sobre todo, aprender a gozar (porque tamén o deleite, talvez aínda máis que calquera outra cousa, procede dunha aprendizaxe) dunha aproximación sensible ao cine, ás súas materias, ás súas formas e ás súas emocións.
A elección das películas. O conxunto das cinco películas que configuran a programación ofrece a posibilidade de ver un tipo de cine habitualmente marxinado polas pantallas comerciais, e ao mesmo tempo, descubrir a amplitude e a riqueza do patrimonio cinematográfico. Por iso, a selección das películas fíxose tendo en conta a diversidade de estilos, e, polo tanto, de formas de facer cine.
As emocións como fío condutor. Ademais de propiciar un descubrimento do cine como arte e cultura, a programación quere proporcionar un achegamento reflexivo e sensible a algúns dos elementos específicos da arte cinematográfica, descubrir o cine como creación. Proponse un percorrido polas emocións cinematográficas entendidas tanto a nivel narrativo (na construción dos personaxes e o guión) como formal e estético. A través das cinco películas programadas poderase analizar de que forma se crean, expresan e intensifican as emocións no cine, a través das eleccións formais do cineasta.
Estas son as películas incluidas no ciclo:
Los cuatrocientos golpes, François Truffaut. Francia, 1959. 94 min.
A primeira longametraxe de François Truffaut é sen dúbida un dos seus proxectos máis persoais. Narra a historia de Antoine Doinel, un mozo tras de quen se esconden moitos elementos autobiográficos do propio cineasta. Durante o filme acompañaremos a Antoine ao longo de innumerables peripecias, asistiremos aos seus intentos por lograr a felicidade (especialmente nos seus paseos polas rúas de París e nas súas escapadas ao cine xunto co seu amigo René) e ás sucesivas decepcións que terá que afrontar. Viviremos xunto a el innumerables emocións e sentimentos (a amizade, a tristeza, a decepción, a rabia…) que Truffaut transmite cunha intensidade excepcional baseada no uso expresivo dos parámetros esenciais da creación cinematográfica.
Los cuatrocientos golpes, ademais, é unha película que ocupa un lugar fundamental na historia do cine, pois data o inicio da “Nouvelle Vague”, e con ela, do cine moderno. Unha obra de referencia para moitas xeracións de cineastas e cinéfilos, formados sentimentalmente tras os pasos de Antoine Doinel.
La soledad del corredor de fondo, Tony Richardson. Reino Unido, 1962. 99 min.
Tom é un mozo de clase obreira que vive nun suburbio de Nottingham. A película relata os seus días nun reformatorio, onde está recluído despois de roubar nunha panadaría. O seu excepcional talento como atleta e a ambición do director do centro, que quere gañar por vez primeira a carreira que se celebra cada ano contra un importante colexio privado, valeranlle o privilexio de gozar dalgúns momentos de “liberdade”: Tom poderá saír a correr só polo bosque.
Nesta emblemática película do “Free Cinema” -o movemento británico de renovación do cine documental e de ficción paralelo á “Nouvelle Vague”-, Tony Richardson retrata a amargura e a enerxía, o rancor e a ousadía, a angustia e o orgullo, dun mozo que encontra na loita e na vinganza contra o sistema a súa forma de levar o peso dunha contorna familiar conflitiva e un pasado que o atormenta (e que o cineasta recolle cun uso intenso e ata frenético do flash-back).
La escurridiza o cómo esquivar el amor, Abdellatif Kechiche. Francia, 2004. 117 min.
Krimo é un mozo de quince anos que vive nun barrio da periferia parisiense. Ao seu redor, os seus amigos, os compañeiros, a nai, e Lydia, unha compañeira de clase de quen namora. Ela ensaia con paixón unha obra de teatro que preparan coa profesora de francés. Para conquistala (ou talvez só para estar con ela), Krimo “págalle” a un compañeiro para que lle ceda o seu papel, o do Arlequín namorado. Pero cando intenta interpretalo, séntese incapaz: non lle saen nin os xestos, nin as palabras, nin os movementos…
Na súa segunda longametraxe, Kechiche filma os axitados diálogos dos mozos, a súa vida cotiá, os seus malentendidos e esperanzas, o desconcerto de Krimo, a enerxía e a paixón da mocidade, con dúas cámaras DV tan rápidas e áxiles como os diálogos dos seus protagonistas. Planos moi curtos, moi próximos aos personaxes, tomados ao voo. Unha película enérxica, exultante de vida, e un retrato –afastado dos tópicos aos que a televisión e moitas películas nos teñen afeitos– dos mozos das periferias. Unha narración centrada en dous protagonistas claros (Krimo e Lydia) e ao mesmo tempo un relato coral que nos dá a ver moito da vida dun barrio, un instituto, uns mozos.
Paranoid Park, Gus Van Sant. Estados Unidos – Francia, 2007. 85 min.
Nesta aposta estética e narrativa de primeira orde, Gus Van Sant narra a historia de Alex, un mozo de quince anos afeccionado ao skate que, por un fatal accidente, mata a un vixilante de seguridade. Alex, incapaz de explicarllo a ninguén, encóntrase sumido nun estado que oscila entre a angustia e a sensación de irrealidade. Este terrible suceso atormentarao e transformará as relacións cos seus colegas e coa súa moza. A partir dese momento, nada terá sentido. Alex sentirase completamente só.
Máis alá do potente argumento que serve de motor do filme, Van Sant logra construír cinematograficamente o mundo interior dun adolescente, coas súas dúbidas, medos, tristezas e inseguridades. Coa última película dedicada ao universo xuvenil despois de Elephant e Gerry, o cineasta logra erixir un retrato fermosísimo da soidade de xuventude.
Million Dollar Baby, Clint Eastwood, Estados Unidos, 2004, 132 min.
Maggie e Frankie son dous solitarios. Maggie está a piques de cumprir 32 anos e traballa nun triste bar, onde come as sobras dos clientes para aforrar e poder cumprir o seu soño: converterse en boxeadora profesional. Frankie vive atormentado sen conseguir recuperar a relación coa súa filla, a quen hai anos que non ve e que se nega a ler as cartas que lle envía cada semana. Tras ver un combate, Maggie pídelle a Frankie que a adestre, pero este négase en rotundo: non pensa adestrar a unha moza. Non obstante, o tesón, a constancia e a ilusión dela, e sobre todo a mediación de Dupris, o único amigo de Frankie, farán que acabe aceptando. Nacerá entón unha intensa relación de complicidade, admiración e cariño. Pero o destino parece reservarlles un último golpe aos protagonistas.
Coa súa mestría narrativa habitual, unha filmación sobria e delicada, respectuosa cos seus personaxes, e sobre todo cunha fotografía e un traballo de luz extraordinarios, Eastwood constrúe unha emocionante historia de compromiso, amizade e profundo afecto.