Matthias Müller e Christoph Girardet
Del 1 de diciembre de 2009 al 31 de diciembre de 2009
En colaboración co Festival Internacional de Cine de Gijón e IVAC-La Filmoteca de Valencia.
“Matthias Müller (1961) é unha das figuras de referencia do cine experimental alemán do último cuarto de século. Estuda arte na universidade da súa cidade natal de Bielefeld e a principios dos anos 80 comeza a rodar pezas en súper 8. En 1985 funda a cooperativa Alte Kinder e inicia tamén unha carreira paralela de profesor e programador: organiza o festival de Found Footage Film e o primeiro festival de cine autobiográfico, “Ich etc.”. Realiza obras de autoficción como Aus der Ferne- The Memo Book (1989) ou Alpsee (1994), e outras de estética queer como Sleepy Haven (1993), herdeira do cine de Genet e Anger, e amosa a súa capacidade para o cine narrativo de escritura experimental (Pensao Globo, 1997). Esta fase da súa carreira ilústrase no primeiro dos tres programas, establecidos polo cineasta, que propón o festival. Pero a fama de Müller provén principalmente dos seus magníficos traballos con material encontrado, a partir sobre todo da inaugural Home Stories (1990), un estudo visual dos personaxes femininos no melodrama de Hollywood, que marcará a liña preferente da súa obra posterior.
A diferenza doutros cineastas que traballan con found footage, Müller non trata a metraxe apropiada atendendo principalmente ás súas calidades físicas e ópticas (corrente que Eugeni Bonet cualifica de cine matérico), senón que emprega o contido orixinal das imaxes como punto de partida. Invócase entón como motivación principal a exhumación dun sentido “latente” no material apropiado. Esta idea expresábaa así o propio Müller en 1992: “Imaxes que non fotografei eu mesmo… Mentres colecciono e separo as imaxes, empezo a desenvolver unha actitude respecto ao material. Actitude que vai desde o aniñamento parasitario nun material visual preexistente e o desvelamento de mensaxes ocultas, ao desmantelamento e a denuncia. Arranco a imaxe do seu contexto orixinal. Codifícoa con novas afinidades e intento producir unha corrente alterna entre o espectador e a miña forma persoal de mirala. Esta estratexia, comparable ao pensamento asociativo e mercurial, desencadea un proceso de transformación que socava o terror do significado prescrito e as condicións establecidas” (Found Footage Film, edición de Hausheer e Settele, 2000).
A partir de 1999, Müller inicia unha colaboración que se prolonga ata a actualidade co videoartista alemán Christoph Girardet (1966), aínda que cada un segue traballando por separado. O seu traballo conxunto ilústrase nos programas segundo e terceiro da retrospectiva, e segue o modelo establecido por Home Stories, se ben compre engadir unha novidade atribuíble quizais a Girardet: a miúdo o contido do material apropiado dita o proceso formal ao que se lle somete. En Kristall (2006), montaxe de espellos, a imaxe pártese en dúas; en Contre-jour (2009), metáfora da visión hipnagóxica, a imaxe vólvese borrosa; en Phantom (2001), montaxe de veos e cortinas, a imaxe vólvese ondulante… Malia a beleza destas pezas, a máis famosa do dúo segue a ser a que inaugurou a súa simbiose artística, The Phoenix Tapes (1999), un desconcertante percorrido en seis partes polo potente imaxinario visual de Alfred Hitchcock: todo un festín para o cinéfilo e un modelo de estudo visual, de crítica de cine cos medios do cine”.
Antonio Weinrichter
Agradecementos: Matthias Muller, Antonio Weinrichter, Arsenal Experimental (Alemaña), Angélica Ramlow.