Martín Rejtman
Del 12 de septiembre de 2016 al 30 de septiembre de 2016
En colaboración con: Tabakalera (San Sebastián).
“A recensión biográfica de Martín Rejtman (Bos Aires, 1961) resulta elocuente á hora de tratar de comprendermos a personalidade da súa obra. Os seus estudos de cine na New York University e mais o seu traballo como asistente de montaxe nos estudios Cinecittá son un trazo decisivo para caracterizarmos a súa calidade de estranxeiro e precursor dentro da renovación do cine arxentino a partir dos 90. As ideas de Rejtman eran realmente foráneas no contexto da produción do primeiro lustro da década dos 90, marcada por un cine sobre o pasado histórico máis ben arredado con guións circunscritos ás influencias ou adaptacións literarias máis ou menos consagradas, o que configura un cine qualité case calcado do que François Truffaut describe no seu afamado ataque en Cahiers du cinéma a certa tendencia dos filmes na Francia dos primeiros 50. Como veu acontecer nalgúns casos da renovación cinematográfica arxentina da xeración dos 60, Rejtman desmarcouse da tradición de directores educados na industria local, para aprender novos parámetros en escolas ou noutras industrias que lle serviron para expresar con maior liberdade e menos vicios vernáculos a súa sensibilidade cinematográfica. Sen dúbida ningunha, Rejtman foi o modelo máis oposto á ostentosamente barroca teatralidade do cine dos primeiros 90, á súa retórica discursiva de redundancia ideolóxica, moitas veces produto dunha versión decadente da produción industrial contaminada pola máis infortunada vea de cineastas educados na produción de publicidade. Desde a súa educación neoiorquina, non é difícil ver como un modelo de produción indie de directores estadounidenses, como o Jim Jarmusch ou o Hal Hartley de fins dos 80 e comezos dos 90, puido influír na creación do cine independente de Rejtman.
Das tradicións locais, porén, non hai que descoidar a importancia do cineclubismo riopratense, e a experiencia cinéfila local en Rejtman, porque é claro que hai influencias decisivas. Por exemplo, pódense ver pegadas en certa forma de distanciamento da posta en escena do primeiro R. W. Fassbinder, o de Katzelmacher (1968): por exemplo, na curtametraxe Doli vuelve a casa, que Rejtman filmou en 1984, mais que estivo inconclusa e inédita ata vinte anos despois. A radicalidade da ollada contemplativa dese primeiro Rejtman facíao totalmente estranxeiro (que é unha acepción da palabra “Katzelmacher”) no cine arxentino dos 80. Así, antes que ninguén, Rejtman foi o pioneiro cinematográfico da pescuda estética emancipadora do cine arxentino dos 90.”
Diego Trerotola, “Martín Rejtman: La estética del valor justo”, Historias extraordinarias. Nuevo cine argentino 1999-2008. T&B Ediciones/Festival Internacional de Cine de Las Palmas de Gran Canaria, 2009.
Agradecementos: Martín Rejtman, Rosa Martínez Rivero/Ruda Cine (Buenos Aires), Víctor Iriarte e Lur Olaizola/Tabakalera (San Sebastián), Embajada de Argentina en España.
Doli vuelve a casa (Argentina, 1986)
Dirección e guión: Martín Rejtman. Intérprete: Martín Reyna, Rosario Bléfari. Dur.: 30 min.
Primeira curtametraxe de Martín Rejtman, rodada en 1986, mais en realidade acabada en 2004.