FRANÇOIS CAILLAT. CARTA BLANCA. UN CINE ATORMENTADO
Del 18 de septiembre de 2012 al 31 de octubre de 2012
En colaboración coa Alianza Francesa da Coruña.
Retrospectiva acerca dun dos documentalistas máis destacados do cine francés, François Caillat, a quen se lle dedica un foco de catro películas, todas vinculadas con episodios acontecidos na rexión natal do realizador, a Lorena, acompañadas de cinco títulos –entre eles Nostalgia de la luz (2010) do lendario cineasta chileno Patricio Guzmán, autor de La batalla de Chile- que o realizador vincula á súa obra.
Interrogándose sobre as pegadas da memoria e explorando a inscrición do pasado na intimidade do cotián, a produción fílmica de François Caillat convoca como ninguén as figuras da ausencia que poboan os seus relatos. Preséntanse tres das súas principais obras, que conforman unha sorte de triloxía en volta da memoria e a paisaxe: La Quatrième génération / [A cuarta xeración] (1997), Trois soldats allemands / [Tres soldados alemáns] (2001) e L'Affaire Valérie / [O caso Valérie] (2004).
A historia dunha familia de madeireiros da zona (A cuarta xeración), a aparición do cadáver dun soldado alemán (Tres soldados alemáns) e a desaparición dunha presunta asasina (O caso Valérie) son as ferramentas coas que Caillat escava a memoria rexional. En Une jeunesse amoureuse / [Unha mocidade amorosa] (2011), presentado en estado de work in progress, o realizador dá un paso máis e atinxe a memoria íntima ao reconstruír as súas lembranzas de xuventude nas rúas de París nos anos 70, un relato de educación sentimental, o corazón e corpos perdidos, unha historia íntima tanto como a aventura dunha xeración. Filmando a xeografía da cidade, o tempo superponse mesturando imaxes de viaxes, desde o descubrimento con vinte anos da contracultura americana e máis tarde a ditadura militar chilena, fotografías, correspondencias...Fragmentos dunha vida revelada para se reencontrar consigo propio e se acordar de todo.
François Caillat é, pois, un dos máis destacados documentaristas franceses actuais. Nos últimos quince anos filmou dez documentais para o cine e a televisión coa ausencia e o esquecemento, as pisadas, e máis amplamente a inscrición sensible do pasado no noso devir cotián como eixos. De formación filosófica, Caillat achégase a cuestións máis teóricas (L’Homme qui écoute, 1998, e Naissance de la parole, 2000) ou a dirixir para a televisión retratos de intelectuais e escritores: Peter Sloterdijk, un philosophe allemand (2003), Julia Kristeva, étrange étrangère (2005) ou J.M.G. Le Clézio, entre les mondes (2008). A longametraxe cinematográfica Bienvenue à Bataville, fábula sobre a felicidade obrigatoria no século XX, foi estreada en Francia en 2008.
Ademais, Caillat dirixe a colección "Cinéma documentaire" (publicación de debates, textos críticos e guións) na editorial L'Harmattan e participa en varias asociacións destinadas a promover os documentais franceses e estranxeiros (Collectif Gulliver, Association des Cinéastes Documentaristes ADDOC, Documentaire Sur Grand Ecran).

Odessa...Odessa

La quatrième génération

La terre des âmes errantes

Trois soldats allemands

Nostalgia de la luz

L’affaire Valérie

Le cercle des noyés

L’heure du Berger
