DESENCADRES: O ESTADO DO MUNDO
Del 1 de marzo de 2013 al 30 de abril de 2013
Pódese radiografar o estado do mundo a través do cine?
Desde o estalido da crise foron moitas as películas que abordaron este tema conforme múltiples ángulos. Máis que catro diagnósticos, O estado do mundo pon sobre a mesa outras tantas posibilidades de debate arredor de temas específicos que nos axudan a explicar a situación socioeconómica do mundo contemporáneo.
The Forgotten Space foi un libro e unha exposición de Allan Sekula antes ca un documental do propio Sekula e Noël Burch co mar como pouco usual protagonista. O seu tema, ou a súa denuncia, non é outro ca o da globalización, un termo ás veces demasiado abstracto que Sekula e Burch exemplifican co caso do tráfico mundial de contedores desde os portos europeos, americanos e asiáticos. California Company Town tamén nos fala dun espazo esquecido, aínda que este en terra firme, nos antigos pobos xurdidos derredor das fábricas ou minas californianas hoxe abandonadas.
Lee Anne Schmidt (de quen puidemos ver no CGAI a súa película posterior, The Last Buffalo Hunt) sitúa o seu traballo na liña de John Gianvito e James Benning, un cine dos espazos baleiros, a imaxe máis implacable da crise industrial e o desemprego.
As imaxes son precisamente o tema de Low Definition Control (Malfunctions #0), a segunda longametraxe documental do director austríaco Michael Palm, na que explora o emprego das cámaras de vixilancia no espazo público ou, máis ben, as imaxes que esas cámaras xeran. Para Palm estas imaxes conforman unha zona escura que se situaría entre a ciencia ou os feitos científicos e a ciencia ficción.
A respecto das películas anteriores, Take Shelter é unha ficción pura e dura, ata unha película de ciencia ficción. Jeff Nichols retrata tamén a paisaxe moral da crise, o medo á perda do emprego ou o seguro médico, a necesidade atávica de se garantir un refuxio.
Agradecementos: SixPack Film (Austria), Doc.Eye Film (Holanda), Lee Anne Schmidt.