DESENCADRES: NO CAMIÑO
Del 1 de mayo de 2013 al 30 de junio de 2013
Con este título agrupamos cinco películas que propoñen outros tantos percorridos por espazos xeográficos ou imaxinarios. En Easy Rider James Benning volve aos escenarios da mítica película de Dennis Hopper (1969) e propón de paso unha sorte de remake abstracto; mentres, en small roads conforma outro percorrido pola paisaxe norteamericana, ao filmar vellas estradas secundarias co mesmo espírito que alimentara o seu RR, proxectada no ciclo 13 Films que o CGAI lle dedicou a Benning en 2009 e á última das súas películas en 16mm (tanto Easy Rider como small roads corresponden xa á súa etapa dixital). En 1958 catro mulleres de Seattle iniciaron unha viaxe que as levaría a percorrer, ao longo duns 5.000 quilómetros, todo o noroeste dos Estados Unidos. Cincuenta anos despois o cineasta Matt McCormick atopou nun mercado benéfico un álbum de recortes que documentaba aquela viaxe. The Great Northwest é o testemuño da súa propia viaxe seguindo o mesmo itinerario de 1958 e certificando os cambios da paisaxe e costumes operados á altura de 2010. Outras viaxes son máis literarias, como a que nos propón Grant Gee a partir da figura do escritor W.G. Sebald. Patience (After Sebald) regresa ás paisaxes que inspiraron o escritor de orixe alemán para Los anillos de Saturno, aquel paseo por Suffolk (leste de Inglaterra) que agora Gee reconstrúe con fermosas imaxes en branco e negro e entrevistas (e tamén coas evocativas paisaxes sonoras de The Caretaker). Por último, a aposta do francés Nicolas Rey lévanos a un país inventado. Autrement, la Molussie é unha adaptación da novela póstuma de Günther Anders (home de Hannah Arendt), Die molussische Katakombe, composta de diálogos entre dous dos seus personaxes, dous prisioneiros dun estado fascista, a Molussie (a novela foi escrita entre 1932 e 1936, antes de que Anders e Arendt abandonasen a Alemaña nazi), que fabulan arredor da vida no exterior, un país que Rey imaxina a través dunhas paisaxes filmadas con película de 16 mm caducada. Autrement, la Molussie está constituída por 9 bobinas de 16 mm que teñen que seren proxectadas aleatoriamente, de tal forma que cada proxección é única, quedando a súa orde en mans do proxeccionista (neste caso, o proxeccionista do CGAI).
Agradecementos: James Benning, Matt McCormick, Nicolas Rey, Soda Pictures, The Match Factory.