DESENCADRES
Del 8 de enero de 2013 al 28 de febrero de 2013
Xentes fóra de toda delimitación, afastados do recadro evidente, recuperamos catro nomes vivos adscritos a un cine de condición experimental. Un deles, pai e animador do cine de vangarda na era moderna, é o veterano (e activo) Jonas Mekas (1922), para o que aproveitamos polo demais a edición que fai Intermedio de parte da súa obra coa proxección de Reminiscencias de un viaje a Lituania (1971/1972), produción a modo de diario poético, e a crónica matrimonial de cinco horas En el camino, de cuando en cuando, vislumbré breves momentos de belleza (As I was moving Ahead Occasionally I Saw Brief Glimpses of Beauty), que proxectamos en dúas partes consecutivas.
Outro dos desencadres pasa por Landscape Plus. O cine de Laida Lertxundi. Vasca establecida nos Angeles, o cine de Laida Lertxundi (Bilbao, 1981), realizado na propia zona dos Angeles e arredores, traza unha xeografía física e psicolóxica da rexión ao tempo que desmonta convencións cinematográficas. A sesión dedicada ao seu traballo inclúe as súas películas máis recentes –Farce Sensationelle! (2004), Footnotes to a House of Love (2007), My Tears of Dry (2009), Llora cuando te pase (2010) e A Lax Riddle Unit (2011)- e unha escolla de obras en 16 mm de Hollis Frampton (Lemon, 1969), Bruce Baillie (All my Life, 1966) e Morgan Fisher (Picture and Sound Rushes, 1974), autores todos eles que exerceron grande influencia na súa produción.
E regresa connosco, Nathaniel Dorsky, a revelación do CGAI en 2011, un cineasta xa clásico da vangarda norteamericana, con dúas grandes motivacións: as posibilidades da luz e do silencio, e a exploración dese campo de enerxía creado entre a pantalla e o espectador. Mestre da montaxe, sempre nos somerxe nun universo exquisito e hipnótico. A poética da percepción da experiencia diaria vén acompañada nesta ocasión de traballos asinados pola súa parella, Jerome Hiler. Dúas sesións e un complemento –a presentación da tradución ao castelán feita por Miguel García e edición de Francisco Algarín do seu libro El cine de la devoción, publicado pola revista especializada Lumière para o que contamos cunha das sinaturas implicadas na revista, o crítico galego Miguel Blanco– facilitan estes singulares e vigorosos desencadres.
Agradecementos: Laida Lertxundi, Nathaniel Dorsky, Jerome Hiler, CCCB, Manuel Ortega, Lumière, Francisco Algarín, Miguel Blanco.