ARTAVAZD PELECHIAN
Del 1 de marzo de 2012 al 30 de abril de 2012
En colaboración con Play-Doc, Festival Internacional de Documentais de Tui.
Cineasta armenio nado en 1938, dado a coñecer polo crítico francés Serge Daney a comezos dos anos 80, Artavazd Pelechian é autor dunha obra documental poética e única da que ofrecemos os seus traballos en solitario. Inactivo desde os anos 90, da importancia da súa condición artística ofrece Carlos Muguiro fragmentos ben elocuentes no texto “Pelechian ou a arte da fuga”, escrito expresamente para o certame Play-Doc de Tui, aproveitando a presenza do cineasta:
“As películas de Pelechian comezaron a verse fóra do perímetro de influencia soviética a partir de 1988, data da retrospectiva conxunta con Paradjanov que tivo lugar no festival de Ámsterdam. Ao ano seguinte chegaron a Nyon e á sección Panorama de Berlín. Unha fría noite de primavera, o director do festival proxectou para Jean-Luc Godard e Anne-Marie Miéville as copias un tanto clandestinas, “á maneira soviética”, que realizara das súas películas. A raíz daquela sesión, Godard fixou para a posteridade a idea de que o cine de Pelechian era “unha linguaxe anterior a Babel”, dando a entender que para descreber ao cineasta armenio só valían os tempos da xeoloxía ou o mito, non os ritmos dos homes nin, por suposto, da historia do cine. O seu cine traía a nova de algo tremendamente afastado (algo emocional, un sentimento) difícil de aprehender, incluso de descifrar […]
Pelechian irrompe na escena soviética a finais da década dos sesenta cun “como dicíamos onte…” que restaura as grandes figuracións da escola de montaxe soviética, especialmente de Vertov, pero cun alento paisaxístico que remite directamente a Dovzhenko e ao último Eisenstein. Con todo, a trascendencia da súa obra non se sustenta só na reconstrucción das pontes dinamitadas do cine ruso-soviético, senón no misterioso e fascinante engaste cos seus contemporáneos non soviéticos. O cineasta armenio incorpórase, sen o saber, á comunidade de iguais descoñecidos que nesa altura reflexionan sobre a fisicidade do cine, sobre o seu realismo in praesentia, sobre os seus valores rítmicos e sinestésicos. Pelechian traballa con distancia irónica a respecto da suposta verdade documental, proxecta unha segunda lectura sobre os materiais de arquivo, contempla a posibilidade da súa repetición e inversión á maneira estruturalista, propón unha reflexión sobre a poesía da ciencia e a antiutopía do progreso, rexenera a ollada á paisaxe... De todas estas estratexias abrochan vínculos insospeitados con cineastas aparentemente tan alleos como Michael Snow, Bruce Conner, Peter Kubelka ou Chris Marker. […] Pelechian entende que a natureza non monta en continuidade, nin sobre os principios de choque nin con intención ou efecto narrativo: a natureza é un constante adeus, unha despedida permanente na que cada plano, cada imaxe, cada instante se distancia do seguinte ata un encontro seguro pero indeterminado no futuro. Emerxe así a cosmo-poética de Pelechian, tal e como a chamou François Niney, resultado de entrelazar os ritmos da natureza e da historia, os dous polos míticos que vertebran a súa filmografía. […] O díptico co que se pecha (sempre provisionalmente) a súa filmografía responde precisamente a esta dobre grafía: liña e círculo sobre o plano. Konec /End é a liña; Vychod/Zin/Life, o círculo: os dous ritmos do mundo”.
Agradecementos: Artavazd Pelechian, Carlos Muguiro, Vahe Hambardzumyan, Olalla Señoráns.

Seasons

Life

El silencio de Pelechian

Earth of people

Beginning

We

Inhabitants

Our century
