O descoñecido2: Pechen os ollos e vexan
Obras de Rivers, Russell, Brackhage, Lertxundi e Keller, 1973-2012
68'. Presentación. Subt. Castelán. Entrada de balde.
O descoñecido: cine, percepción e estados alterados
Ben Rivers e Ben Russell revisitados
O cine é unha revelación inexplicable. É un médium que transcende o tempo e o espazo e redefine o concepto de ubicuidade. O cine rétanos a romper os patróns a través dos cales (cremos que) vemos e entendemos o mundo. Empúrranos contra todos os límites coñecidos para darmos paso á celebración do arcano. E, se o pensamos detidamente, é moi emocionante… Parece que o cine estivo a canalizar unha enerxía a través de distintos artistas que o recoñecen como o medio perfecto para percibirmos a realidade dunha forma máis expandida -espiritual-. Ben Rivers e Ben Russell sábeno, búscano e explórano no seu cine. Este ciclo é unha invitación para sentirmos e compartirmos ideas sobre intuición fílmica, percepción, sensibilidade, éxtase e todos os sentimentos sen nome que vivimos mentres facemos ou vivimos a experiencia dunha película. Todo isto será revisitándomos a obra de Rivers e Russell neste marco experimental e arrebatador que contará con inducións hipnóticas para nos levar a outros estados e ampliar a nosa experiencia fílmica.
Programa 2: Pechen os ollos e vexan
O cineasta Stan Brakhage escribía sobre a importancia de volver á calidade orixinaria da visión dun meniño, así como sobre a necesidade de maximizar a nosa sensibilidade para nos volver un mellor filtro para a creación. Este grupo de películas ten o humilde obxectivo de anchear a consciencia e a capacidade de percepción da persoa que fai ou vive o cine. Soño, transo e hipnose.
Duración total do programa: 48 minutos.
BADLANDS
(Estados Unidos, 2011)
Dirección: Ben Russell. Duración: 10 minutos.
“Esta é unha experiencia fenomenolóxica, espiritualismo secular, o traballo de Russell continúa a ser unha investigación única sobre as posibilidades do cine como un medio para o transcendental”. -Michael Green.
I…DREAMING
(Estados Unidos, 1988)
Dirección: Stan Brackhage. Duración: 8 minutos.
Este “trance film” do influente cineasta experimental Stan Brakhage mestura material doméstico -a súa casa, os seus netos e el mesmo na pantalla- coas calidades como “a evocación do estado do soño” nesta peza poética e musical tan emotiva e preciosa.
THE ROOM CALLED HEAVEN
(España-Estados Unidos, 2012)
Dirección: Laida Lertxundi. Duración: 11 minutos.
Chairas americanas e grandes alturas ensambladas nunha estrutura de rolo B transpórtannos a un lugar de sons. Planos americanos mostran cambios de cor e temperatura en tanto se mantén un emocional son ambiental pola duración dun rolo de 400 pés.
THE QUARRY
(Estados Unidos, 2002)
Dirección: Ben Russell. Duración: 4 minutos.
“Este é un documento silente de 5 minutos en presenza do sublime. Serve como testamento do cine como fracaso á hora de representar un momento vivido e á vez mostra o seu éxito substituíndo ese momento por outro que é igualmente marabilloso” (Ben Russell).
SHE/VA
(Estados Unidos, 2011)
Dirección: Marjorie Keller. Duración: 3 minutos.
A cineasta, escritora e activista Marjorie Keller fai esta película caseira en que unha bailarina é re-coreografiada grazas á súa montaxe e converte a danza fragmentada nun movemento hipnótico.
RIVER RITES
(Estados Unidos, 2011)
Dirección: Ben Russell. Duración: 12 minutos.
Os ritos dun río de Surinam como transo a medio camiño entre o ritual relixioso e a celebración do oculto.