Triloxía "O Padriño"
Del 2 de julio de 1992 al 14 de julio de 1992
O PADRIÑO: UNHA OBRA DE FRANCIS FORD COPPOLA
Este filme de nove horas representa unha viaxe pola obra dun cineasta nado en Detroit en 1939, alumno da UCLA, currante da Corman Factory, guionista da Warner Bros, creador da productora American Zoetrope, autor de filmes tan representativos e anovadores do cinema destes últimos vinte anos como "A conversa" (1974), "Apocalypse Now" (1979), "Corazonada" (1982) ou "Rumble Fish" (1983), gañador de cinco Oscar da Academia -como guionista de "Patton" (1969) e "O Padriño" (1972 e 1974), como director por "O Padriño" (1974) e como productor por "O Padriño" (1974)-.
Unha viaxe pola raia que fía a telaraña umbría dun cineasta fronteirizo entre a industria e a creación artística, entre o mercado e a expresión persoal, entre o intimismo e o exceso, entre a supervivencia dun modo clásico e os labirintos desalmados do cinema electrónico, entre a razón e os soños. "O Padriño" constitúese como territorio sobre o que debuxa-lo mapa da actividade creadora de Coppola escrita no fío da navalla que divide os anceiros da autoría total e o sometimento ós preceptos financieiros que rixen os destinos do cinema.
Eis "O Padriño" como encrucillada da industria e da arte, da creación e do consumo que caracteriza ó noso tempo. Eis a Coppola under the vulcano, "un artista con mans de asasino".
Ninguén dirixe impunemente unha película de nove horas que ocupa intermitentemente, polo de agora, vinte anos de toda unha vida " O Padriño" unha obra producida como triloxía que enmarca a aventura Zoetrope, o soño dun laboratorio-obradoiro que marcou a esa xeración alcumada "os tolos do cinema" anque todos desertaran da "utópica" compañía cinematográfica". "Fixen O Padriño porque estaba arruinado". Se Coppola á fin admite o fracaso financiero da Zoetrope non renuncia a un compromiso máis fondo que ten que ver coa visión do cinema como arte do noso tempo.
A triloxía dos Corleone é unha construcción narrativa centrada nunha estructura ancorada en xogos de simetrías dramáticas espacio-temporáis encarnadas por uns perso-naxes sometidos a unha estrutura moral, a familia, anco-rada esta en xogos rituais simétricos como mecanismos de conservación. A violencia e o sangue non son máis que fasquías desa estrutura familiar que percura un poder asimilable e mesmo compartido con outro poder, o estado.
"O Padriño" é a historia dunha familia creada por unha familia técnica e artística baixo a dirección dun home que exerce como pater familias dos Coppola e que falaba así do seu oficio: "Non necesito máis poder. O home máis poderoso sobre a terra é o director cinematográfico.
Cando fai unha película é un deus". Que esa xuntanza de actores e técnicos fora posible contribúe á mitoloxía do filme Esta revisión de "O Padriño" permitirá unha comprobación mais importante, ningún actor nin actriz ten unha mellor interpretación que cando son dirixidos por Coppola. Pero falar do cineasta como director de actores sería dar unha visión estreita do traballo de dirección neste filme. Porque o traballo actoral é soamente un dos elementos significantes postos en escea. E esa posta en escea non é máis que un factor de articulación no tempo do filme. "O padriño" é unha obra que resiste un labor de destripado. E un poliedro, como lle gusta dicir a Borau, que esixe tódolas caras e aristas construidas polo seu creador.
Coppola construé na triloxía unha máquina de significación cinematográfica nunha encrucillada estilística da elaboración formal de Eisenstein -" o tema debe estar presente en cada plano*—, do cinema negro e da tradición clásica. Coppola traslada a cada plano e á súa duración o peso do tempo inscrito en cada xesto, en cada mirada.
O ollo coppoliano abre en canal a historia para deixar ó aire os osos da moral que vertebra un mundo de sangue, violencia e vísceras que se chama familia, estado ou calquera dos mil nomes do poder. Non son de extrañar, polo tanto, aquelas lecturas que ven un mundo shakesperiano no universo narrativo de "O Padriño" ou no mundo ficcional do seu autor.
Penetrar outra volta neste filme de nove horas vainos permitir observa-lo intenso labor de síntese que Coppola desenvolve na súa telaraña argumental, a claridade expositiva, a fondura na construcción dos personaxes, a composición de luz e sombras verquida na atmósfera do filme e unha mirada o camiño da nosa, mostrando o ritual da cotidianidade do exercicio do poder. A gastronomía do estado. En familia.
Mirar "O Padriño" para descrubrir a un cineasta que, como Hitchcock, sinte que seu amor polo cinema está por enriba de calquera moral, convencido de que "unha película pode cambia-lo mundo". Eis a posibilidade que teremos neste mes de xullo.
Daniel Domínguez. A Coruña, noite de San Xoan de 1992.