Tod Browning
Del 5 de abril de 1997 al 10 de mayo de 1997
Melodrama e ilusión na obra de Tod Browning
[...] Browning foi o primeiro, xunto con Fritz Lang en Europa, en enraizar estes soños e estes pesadelos no real. A imaxe máis simbólica desta iniciativa é, en Dracula, a chegada de Bela Lugosi ó corazón de Londres, en metade dos transeúntes e dos automóbiles de claxóns ensordecedores. De súpeto, a lenda estaba entre nós. Modernizando o relato de Bram Stoker, que se desenvolvía na época victoriana, Tod Browning aclimataba radicalmente o mito do vampiro ó contexto dunha metrópole contemporánea. Sen renegar do engado do folclore, consumaba a elección decisiva do realismo, que se convertiría nun elemento específico do fantástico cinematográfico.
Máis alá deste Dracula indispensable, a gran fazaña de Tod Browning segue sendo a inesquecible, insoslaiable e irrepetible Freaks. Neste caso, un pensa nos modelos de Velázquez tal e como os describe o critico de arte Elie Faure, citado ó inicio da película de Godard Pierrot le Fou: «Uns cantos bufóns monstruosos, disfrazados de príncipes, que tiñan como misión rirse deles mesmos e facer rir a seres fóra da lei dos vivos».
Pois a audacia e o xenio do realizador estriba en impoñer unha rodaxe sen trucaxes, en contra, como se sabe, da opinión de Louis B. Mayer, e gracias á colaboración de auténticos fenómenos do circo Barnum. O principio, un non dá crédito ós seus ollos. Despois, témonos que rendir á evidencia. E velaí o misterio do cine, o impacto da verdade: Freaks xamais sería o que é se fose interpretada por actores maquillados.
Este agudo sentido do real, que xamais se verá desmentido na súa obra, é tanto máis manifesto, verémolo máis adiante, en tanto en canto se desenvolve no contexto máis artificial posible: moralmente no ámbito do melodrama, espectacularmente no da ilusión.
A orixinalidade e a forza da obra de Tod Browning radica en que nela se temas do melodrama e a fascinación polo mundo do espectáculo, do simulacro, do disfrace. Por un lado, un universo esquemático e maniqueo, cimentado en emocións fortes e sentimentos sinxelos; por outro, un arsenal de trucos, de mistificacións, de xogos de ilusionismo. As raíces do melodrama proporcionan a Tod Browning o seu rigor narrativo, pero este vese atemperado polo seu gusto profundo polos artificios do espectáculo, por toda a sutileza e a soltura que propician.
A filiación do melodrama aparece en primeiro lugar na obra de Browning na elección dos argumentos. O seu esquema máis clásico articúlase en torno a un crime, a un culpable e a un inocente inxustamente acusado. Añadamos o tempo que pasa, o regreso do xusto, a súa vinganza ineluctable e... gozosa.
Os segredos de familia, recursos melodramáticos tradicionais, abondan en toda a obra de Browning: o irmán e a irmá non saben que o son (White Tiger); unha xove da alta sociedade é a filla encoberta dunha vidente (The Thirteenth Chair); o vingador consagrado a destruír a vida da filla do seu inimigo ignora que el é o verdadeiro pai da rapaza (West of Zanzibar). Estas anécdotas rocambolescas recobren unha obsesión capital: o Mal. Toda a negrura da alma humana frecuenta os sombríos melodramas de Tod Browning.
Primeiro móbil do Mal: esa cobiza que xa deu título a Greed, a obra mestra de Erich von Stroheim. [...]
Outro rostro do Mal é a perversidade sexual. Pero convén sinalar que a depravación dos sentidos cara ós moralistas de antano non é nunca, na obra de Browning, un fin, senón un medio ipor moi eficaz que sexa! Mme. de Sylva, en Where East Is East, é a personificación da muller fatal consagrada á destrucción da familia [...], e que, a tal fin, desprega o seu infernal poder de seducción.
[...] Con Tod Browning, encontrámonos inmersos no melodrama en estado puro, non nun sucedáneo choriqueiro. E tráxico, cruel e divertido, con esa poesía e ese humor que o achega á obra de Edgar Poe, a contos "grotescos» como Hop Frog, onde o efecto cómico e o horror se confunden por medio de espantosos quid pro quos. Se aguzamos a mirado, unha pelicula como The Unknown é unha historia profundamente cómica.
[...] Ó igual que na obra de Poe, unha vez máis, hai a miúdo nos películas de Browning algo de grotesco ó mesmo tempo que macabro: exemplar e o dobre asasinato perpetrado polo gorila da rúa Morgue, que inspirou os homicidios de Where East Is East e de The Unholy Three, como o son tamén os numerosos simulacros, como o pseudoautómata xogador de xadrez que aparece en White Tiger, ou os disfraces diversos, os falsos vampiros e os monstros de verdade, eses fenómenos que, ó inicio de The Show e de The Unholy Three, presaxian xa Freaks.
O melodrama aspira á xustiza, aspiración que nace dunha indignación ante ó escándalo da inxusticia. ¿Que outra cousa é a vinganza, se non a forma móis visceral da xustiza? Ó mesmo tempo, polo feito de eludir as regras da sociedade, introduce un problema xudicial e un dilema moral. [...]
¡Para conseguir un fin non hai que escatimar medios! Sinalemos que o medio en cuestión é o mesmo que utiliza Tweedledee en The Unholy Three: para desfacerse de Hercules, libera a un enorme simio que os eliminará ós dous. A eliminación da malvada Mm. de Sylva, muller maléfica e perversa, é, polo demais, bendicida mesmo polo sacerdote, que pecha os ollos hipocritamente ante o crime.
Esta vinganza considerada como unha obra da salubridade prefigura o atroz desenlace de Freaks: despois de que Hercules fose apuñalado, a trapecista Cleopatra é mutilada e reducida ó estado de galinácea. Tanto nesta película como en Where East Is East, ié unha muller quen encarna o Mal absoluto! A acumulación de perversidade na persoa de Cleopatra xa impulsou ó espectador a elixir o seu bando, o dos fenómenos, e polo tanto a aplaudir a derrota dos seus inimigos.
[...] Sabemos que o xove Tod abandonou a súa familia, á idade de dezaseis anos, por amor a unha bela xinete, e sobre todo ó circo ambulante no que esta era a estrela. Pero supoñendo que non coñecésemos este itinerario, o primeiro plano de The Unknown abondaría por si só para denotar esta fascinación. A carpa centelleante, cos seus bulbos iluminados como os dunha igrexa ortodoxa, desprégase literalmente no corazón de Madrid, como un dragón invasor pero benéfico. Esta fascinación polo circo que arrebatou literalmente ó xove de Lovisville traslúcese constantemente ó longo da súa obra. Non como un accesorio, ou un decorado deslumbrante, do que se benefician as súas historias, senon como a sua «médula nutrinte».
Non o dubidemos: o universo da representación, con todas as súas ambiguidades, é o noso. O circo e o teatro non son outra cousa que as claves. Durante longo tempo paiaso e contorsionista, Tod Browning sabía que a máscara e a pantomima constitúen en realidade a base esencial das relacións sociais.
O lugar do espectáculo devén o da vida mesma. Escena simbólica onde as haxa: para celebrar a voda de Hans e de Cleopatra, en Freaks, a mesa do banquete prepárase... ino centro da pista! De forma análoga, en The Unknown, Estrellita confesa a Alonzo que decidiu casar con Malabar sobre o escenario dun teatro, coma se estivese interpretando unha obra. O disfrace e o acto de travestirse, armas da mistificación, son utilizados como verdadeiros profesionais polos bandidos de Tod Browning: a semellanza de Dan, o Paxaro negro de The Black Bird, un truhán que escapa os rigores da lei adoptando a apariencia dun lisiado. Browning dota a este tema clásico e lexítimo dun novo prestixio coa magnífica The Unholy Three. Pois, e quizais sexa isto o que explica o imenso éxito comercial deste insólito film policiaco, ia idea da súa asociación é totalmente rocambolesca! Se admitimos que o profesor Echo se distraza de anciana e se vale das súas dotes ventrilocuas para vender loros que non saben falar a fin de introducirse, máis tarde, nas vivendas dos seus clientes expoliados, ¿é indispensable que o anano Tweedledee, entre dous cigarros puros, se vista de bebé e monte nun cochiño de neno? Non, desde logo que non, itodo iso non ten outra motivación que a beleza do xesto e da posta en escena do crime organizado! É a propia estravagancia da situación, máis que a necesidade policiaca, o que interesou a Browning e conquistou ó público.
[...] É comprensible que Tod Browning seducise ós surrealistas por esta relativa «gratuidade», ligada a un sentido maxistral do espectáculo. De novo en The Unholy Three, a escena do complot entre os tres artistas de feira que deciden dedicarse ó crime, é notable polas súas sombras chinescas desmesuradas [...], que dan á súa asociación unha envergadura demoníaca que se corresponde á perfección co retrinco do título: unha Santísima Trinidade á inversa...
[...] Antes de mergullarse decididamente no cine fantástico, a obra muda de Browning conságrase en boa parte ó universo da delincuencia: a parella ó Bonnie e Clyde de Outside the Law, os tríos criminais de The Unholy Three e de White Tiger, son outros tantos exemplos de bandas.
O crime é unha infracción da lei humana, pero sobre todo da lei divina. A dimensión relixiosa está presente na obra de Browning: evidentemente en The Black Bird, a través do personaxe do falso bispo interpretado por Lon Chaney, pero tamén nesa escena de Outside the Law na que a heroína, mentres xoga cun neno, ve perfilarse sobre o parqué a sombra da súa cometa, que ten a forma dunha cruz. Como a de San Pablo no camiño de Damasco, esta súpeta iluminación vaina encarrilar cara á redención.
¿Quen será o que non poida redimirse? Alonzo, o home sen brazos de The Unknown, é un dos personaxes máis complexos da obra de Tod Browning. Sabemos que é un bandido, un fóra da lei [...]. Pero tamén disfraza os seus sentimentos: finxe simpatizar con Malabar, que en realidade é o seu inimigo mortal, o seu rival polo amor de Estrellita. [...]
Pola contra, Malabar «o Magnífico» é franco como o ouro, defende sinceramente a Alonzo cando este corre o risco de sair malparado. Browning aborda aqui unha problemática que máis tarde se verá invertida en Freaks, onde o hércules será o delincuente e os discapacitados as víctimas desgraciadas. [...]
O Mal absoluto está encarnado en The Unholy Three no anano Tweedledee, interpretado por Harry Earles, o mesmo actor que en Freaks será víctima das artimañas de Cleopatra. [...]
O Mal existe, pero sempre podemos loitar contra el, dinos en resume Tod Browning. En certo modo, é o anti-Stevenson: o doutor Jekyll, ó converterse en Mr. Hyde, revela o Mal que está nel, finalmente inseparable do seu eu íntimo. De feito, Stevenson baseou unha convicción relixiosa, un moralismo victoriano, sobre unha fulgurante intuición prefreudiana: non nos fala do Mal senón do inconsciente.
No universo melodramático no que se move Browning, o Ben e o Mal son dúas entidades separadas que existen fóra da conciencia humana. [...] En calquera caso, o heroe browningiano é raramente monolítico. Non se trata xamais dun soso galán xove, nin dun puro idealista, senón máis ben dun tipo duro. [...]
Gérard Lenne, incluído en David J. Skal e Elias Savada: El carnaval de las tinieblas. El mundo secreto de Tod Browning. Maestro de lo macabro en el cine de Hollywood. Festival Internacional de Cine de San Sebastián/Filmoteca Española, 1996.