
O cambio
José Manuel Oliveira «Pico», Evaristo Calvo Valcarce, Xavier Estévez Montoto
- 12 min.
O garda civil Ramón ten un conflicto co cadro que vixía no museo. O máis grave é que o cadro é o Guernika, de Picasso.
- Ano:1997
- Países de producción: España
- Guión: Ignacio Vilar
- Fotografía: Pepe Barba
- Montaje: Ángel Fernández Armada
- Productora(s): Vía Láctea Filmes
O cambio
Ignacio Vilar
No ano 1981 vivía en Madrid, preto de Atocha; a media mañá sempre ía tomar un viño e unha tapa de queixo de ovella en aceite, ó lado do Hospital Militar, agora é o Museo Reina Sofía. Despois de comulgar con aqueles soberbios manxares manchegos, ía confesar ó Museo do Prado, e como penitencia lía unha especie de biblia da arte que se chama Historia del Arte, de E.H. Gombrich. Eu teño a edición da editorial Garrigues, que ten unhas reproduccións moi coidadas. A editorial Garrigues xa desapareceu, pero agora, para quen lle interese, o libro está publicado por Alianza Forma.
Eran uns anos nos que este país seguía case todo igual, pero algo se estaba cocendo; menos os vascos, tódolos demáis votaron a favor da Constitución; o cadro Guernika, de Pablo Picasso, chegou a Madrid, depois de corenta e tantos anos de exilio. A «esquerda» despois de nin me acordo canto tempo ía chegar ó poder co lema «Vota por el cambio» que en galego vén ser o cambio.
E chegamos ó presente, nas clases de historia do instituto e da universidade, estou a falar do tempo do franquismo, sempre quedabamos no século catapún e a palabra república non se atopaba nin nos dicionarios, aínda que agora, que asisto a clases de historia da transición na televisión de Victoria Prego... Vexo que estabamos mellor antes, entendámonos!, en canto ás clases de historia. Pero imos ó noso, que é o cine, e non nos metamos na política. Como ía dicindo, chegamos ó presente no que está ubicada esta curtametraxe titulada O cambio.
«Toda imaxe remite a outra imaxe, non á natureza», unha frase doutro historiador da arte, H.Wölfflin, ese é o presente de O cambio e despois está o desexo, que tamén remite a outra imaxe, e aí é onde se atopa a nai, que pode ser a vaca que está na cama de El perro andaluz, de Luis Buñuel.
Pensaredes, ique coñazo! Pero que lle imos facer. Vivimos nun país, ata que a Unión Europea queira, no que aínda quedan unhas cantas vacas e como galego que loita por chegar ó universal ¿de que vou falar?, pois da época heroica na que viviu Ramón, o protagonista da nosa historia.
Eu chamo época heroica, aquela época na que as vacas deste país eran montadas polo touro e os nenos coma Ramón que vivian nas aldeas galegas, Iles servía para descubri-lo sexo que nas escolas lles ocultaban. Agora esa época desapareceu. Hai que agradecerllo á ciencia da inseminación artificial. Non sei se as vacas llo agradecerán como llo agradecen os paisanos. Como as vacas non falan, e se falasen non sei se lles deixarían abri-la boca. Por iso nunca se sabe o que pensan deste tema tan trascendental para elas.
Despois de deixar claros os termos nos que nos movemos, podemos falar do noso protagonista, Ramón, un garda civil que vixía o Guernika desde que chegou de Nova York. Para el, ó contrario que para moitos políticos, non foi un símbolo de normalidade a chegada do Guernika. Desde ese día, a súa normalidade desestabilizouse, xa non podía durmir tranquilo, tiña pesadelos e, o peor de todo, volveu ó onanismo desenfrenado da súa adolescencia, cando vivía na súa aldea de Galicia, na época que eu chamo heroica.
Nos anos en que lle empezou esta enfermidade a Ramón, os psicoanalistas arxentinos non eran coñecidos nos ambientes que el frecuentaba, e como todos daquela, para saír do labirinto no que estaba, tivo que facerse autodidacta. Aí é onde empezou a buscar libros, revistas e todo o que falase daquel cadro que tiña que vixiar tódolos días. O labirinto no que se atopaba Ramón era máis complicado que o de Creta. O labirinto no que Teseo, máis forte e con máis cultura que o noso protagonista, necesitou da axuda de Ariadna para poder saír del.
¿Como ía poder saír o pobre Ramón se estaba só?
Pois, o galego Ramón, non foi unha Ariadna a que o axudou a sair do labirinto, senón que foi un amigo, O Limpacristais (Ernesto) que a miúdo ía limpa-lo cristal que antes protexía ó cadro de Picasso. El foi como Ariadna para Teseo, o que lle descubriu o Minotauro da súa infancia, que estaba oculto no Touro do Guernika. Aquel touro facíalle revivir a Ramón, sen el sabelo, é dicir, no inconsciente, a súa época heroica e a imaxe, como no Guernika, do pai castrador.