As tradicións populares no cine español. O cine español na busca do seu público
Del 18 de octubre de 2002 al 13 de diciembre de 2002
Seminario celebrado entre o 18 de outubro e o 13 de decembro de 2002, con proxeccións en cada unha das xornadas. Descrición:
"O popular no cine español constitúe un dos conceptos máis manidos e á vez ambiguos da nosa literatura cinematográfica. Se é indiscutible a estreita vinculación do cine hispano cunha serie de tradicións populares que atravesan a historia da cultura española (romance de cego, taboado de marionetas, zarzuela, xénero chico, sainete, revista, esperpento valleinclanesco, pintura costumista, etc.), a súa plasmación real nos filmes de cada período e a reacción do público e da crítica ante as ditas formulacións supón, aínda hoxe, un dos campos máis complexos da análise e da historiografía cinematográficas. O seminario As tradicións populares no cine español proponse afondar na diversidade de fíos que conforman ese tecido popular que veu alimentando, como nutriente humus, boa parte dos mellores títulos do cine español e que permiten explicar con maior xusteza as súas esteticamente máis frutíferas vetas creativas.Desde este ambicioso punto de vista, intentaríase non só desentrañar e poñer sobre o tapete de discusión as raíces populares do cine español (desde o mudo até Almodóvar, desde Florián Rey a Alex de la Iglesia) e intentar aclarar cualificativos –como o tan manido de “españolada”– que viñeron lastrando a súa análise rigorosa, senón reflexionar tamén sobre a continuidade histórica das ditas tradicións na actualidade, sobre as profundísimas relacións entre esas tradicións populares e o público ao que as películas van dirixidas en cada período histórico e, por tanto, sobre as espectativas espectatoriais (e a conseguinte resposta en recadación) ante determinados filmes. Historiadores, críticos, sociólogos, analistas económicos e culturais, pero tamén, por suposto, cineastas e produtores teñen algo que dicir sobre o particular.O seminario desenvólvese en tres sesións, que se celebran cada unha ao longo dun día, con dúas conferencias pola mañá e unha terceira conferencia e unha mesa redonda con todos os participantes pola tarde, a través das cales se propón unha visión desde distintos ángulos dunha das cuestións fundamentais do cine español: existe un público específico para o cine español? Ou, desde o outro punto de vista: hai un determinado tipo de cine español que entronca directamente con certas tradicións culturais españolas e, por conseguinte, que se dirixe a unhas audiencias xenuinamente españolas? Visións por suposto complementarias que parten do recordatorio histórico para logo confrontar o público coa industria, aplicando as máis modernas teorías da recepción".
Programa:
Venres 18 de outubro: As raíces populares do cine español
10.30 Inauguración do Seminario / Exmo. Sr. D. Jesús Pérez Varela, Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo
10.45 Conferencia / Ángel Luis Hueso Montón / Catedrático de Historia do Cine. Universidade de Santiago de Compostela
12.00 Descanso
12.30 Conferencia / Santos Zunzunegui / Catedrático de Comunicación Audiovisual. Universidade do País Vasco
16.30 Conferencia / Julio Pérez Perucha / Presidente da Asociación Española de Historiadores do Cine
18.00 Coloquio coa participación de Luis García Berlanga / Director e guionista
20.30 Proxección de Calabuch
Venres 15 de novembro: O público popular e as súas expectativas
10.30 Conferencia / José María Folgar de la Calle / Profesor Titular de Historia do Cine. Universidade de Santiago de Compostela
12.00 Descanso
12.30 Conferencia / Manuel Palacio /Profesor Titular de Comunicación Audiovisual. Universidade Carlos III de Madrid
16.30 Conferencia / Josetxo Cerdán / Profesor de Comunicación Audiovisual. Universidade Autónoma de Barcelona
18.00 Coloquio coa participación de Mariano Barroso / Director e guionista
20.30 Proxección de Éxtasis
Venres 13 de decembro: A industria. O popular como factor económico
10.30 Conferencia / Xosé Nogueira / Profesor de Historia do Cine. Universidade de Santiago de Compostela
12.00 Descanso
12.30 Conferencia / José María Álvarez Monzoncillo / Profesor Titular de Comunicación Audiovisual. Universidade Rey Juan Carlos de Madrid
16.30 Conferencia / Fernando Méndez Leite / Director da ECAM
18.00 Coloquio coa participación de José Luis Cuerda / Director, productor e guionista
20.30 Proxección de Amanece, que no es poco