Nothing is Something: Gestures from The Lux Collection
- 74 minutos
Programa e notas de María Palacios Cruz (LUX)
NOTHING IS SOMETHING
Anne Rees-Mogg, Reino Unido, 16mm, 1966, 10 min.
O título é unha cita de Duchamp. A película trata sobre as cores e estruturas das burbullas de xabón, o aceite na auga, etc.
AERIAL
Margaret Tait, Reino Unido, 16mm, 1974, 4 min.
Imaxes elementais. Aire, auga (e neve), terra, lume (e fume), todo entra. A modo de banda sonora hai un son musical interminable, notas de piano soltas e algúns sons neutrais.
TO THE DAIRY
Annabel Nicolson, Reino Unido, 16mm, 1977, 3 min.
Unha última ollada á London Filmmakers’ Co-op cando tiña como sede unha vella leitaría vitoriana.
FIRE
Lucy Parker, Reino Unido, dixital & 16mm, 2016, 6 min.
Fire fíxose para un evento no ICA programado por Lucy Reynolds de experimentos con son, cine e performance para acompañar a exposición “The sun went in, the fire went out: landscapes in film, performance and text”, comisariada por Karen Di Franco e Elisa Kay en Chelsea Space. A película responde ás exploracións performativas de Annabel Nicolson arredor da luz e do lume, así como ao título da exposición. “The sun went in, the fire went out” é unha liña dun texto tomada dun caderno da arqueóloga e escritora Jacquetta Hawkes, autora de A Land (1951), unha historia poética das Illas Británicas a través da súa xeoloxía. Na película dúas mulleres experimentan con varios métodos traballosos para acender un lume. A película combina negativo e unha imaxe fílmica positiva que pode ser proxectada cun son en directo.
PRIYA
Alia Syed, Reino Unido, 16mm, 2011, 10 min.
Priya é unha toma cenital estendida dunha bailarina Kathak xirando. O material foi enterrado en varios materiais orgánicos que deterioran a imaxe inicial nun intento de transformar a especificidade cultural e a narrativa lineal do tempo e o espazo. Os rituais do soterramento expoñen sucesivas lembranzas de enterros; a pel da película convértese na pel da bailarina, fracturando o tempo nun espazo escuramente evocador e psicolóxico.
LESTER
Luke Fowler, Reino Unido, 16mm, 3 min.
ANNA
Luke Fowler, Reino Unido, 16mm, 3 min.
Como artista gañador do Film London Jarman Award en 2008, Luke Fowler recibiu a encomenda de producir catro curtametraxes para 3 Minute Wonder, apartado do Channel 4 dedicado á curtametraxe. Tituladas Anna, Helen, David e Lester, as catro curtametraxes compoñen unha serie de retratos de catro individuos diferentes que comparten residencia: un piso nun bloque de vivendas vitorianas no West End de Glasgow.
THE UNTROUBLED MIND
Manon de Boer, Bélxica, 16mm a vídeo, 2016, 8 min.
Unha colección de imaxes de construcións do fillo da artista ao longo dun período de tres anos. A duración de cada toma é de 20 segundos, o tempo que se pode filmar cunha cámara Bolex de 16 mm cando se lle dá corda á man.
A LAX RIDDLE UNIT
Laida Lertxundi, EE. UU., 16mm, 2011, 6 min.
Nun interior de Los Angeles, muros tinguidos pola perda. Ensáiase unha canción para un ser amado. Unha película do corpo feminino como estrutura. (LL)
IMAGINARY
Moira Sweeney, Reino Unido, 16mm, 1989, 18 min.
Imaginary é unha película en tres partes (From Today, Touched e One) filmada en varios ambientes íntimos e persoais. Imaxes fugaces que son refilmadas e estilizadas de forma nada sentimental.
Nothing is Something: Gestures from The Lux Collection
María Palacios Cruz
Dez películas. Hai dez películas neste programa. En LUX, temos case 5000 en distribución. É esta selección representativa da colección de LUX e da súa historia? Probablemente non, aínda que de certa maneira podería selo. Sen reducir as historias contidas dentro da colección a unha soa historia, esta selección recoñece a futilidade desta tarefa, e opta por xestos pequenos en lugar de poñer grandes relatos. Películas curtas feitas predominantemente por mulleres cineastas… Estes traballos non son ruidosos e triunfantes; ao contrario, máis da metade do programa é mudo.
LUX, na súa actual forma, foi fundada en 2002 para seguir distribuíndo e salvagardando as coleccións de dúas organizacións precedentes, London Film-Makers’ Co-operative (LFMC) e London Video Arts (LVA), posteriormente coñecida como London Electronic Arts (LEA). A LFMC e a LEA víronse obrigadas a fusionarse a finais dos noventa, formando unha organización que tivo una curta vida, The Lux Centre, que botou o peche en 2001.
A proxección comeza con Nothing is Something, de Anne Rees-Mogg: unha obra de 1966, o ano no que se fundou a LFMC, un nacemento supostamente marcado por un telegrama enviado a Jonas Mekas na New York Film-Makers’ Coop que dicía “LONDON FILM-MAKERS COOP A PUNTO DE SER LEGALMENTE ESTABLECIDA STOP PROPÓSITO FILMAR FILMAR FILMAR…”. Aínda que Anne Rees-Mogg se convertería en membro da Co-op —mesmo foi a súa directora a comezos dos oitenta— nos seus anos de formación nin era parte do grupo fundador que se aglutinaba arredor de Bob Cobbing en Better Books, nin tampouco dos mozos cineastas do Arts Lab liderados por David Curtis e Malcolm Le Grice. Esas dúas faccións uníronse en 1968, definindo a traxectoria da LFMC nas tres décadas seguintes.
A vangarda británica segue fortemente asociada á Co-op dos anos setenta. To the Dairy, de Annabel Nicolson, filmouse no edificio da Farmer Cream Dairy en Kentish Town que foi a sede da LFMC entre 1971 e 1975. Este foi o período durante o que Malcolm Le Grice (tamén este ano no (S8)), Annabel Nicolson, William Raban e Gill Eatherley experimentaban co cine expandido baixo o nome colectivo de Filmaktion e no que Lis Rhodes fixo Light Music. Tamén era a época na que Le Grice e Peter Gidal definiron o estrutural/materialismo, a distintiva aproximación británica a Structural Film de P. Adams Sitney. O traballo que saía da Co-op era decididamente reflexivo e antiilusionista, poñendo toda a énfase nos aspectos materiais do proceso cinematográfico, dende o propio material fílmico en si mesmo ata a proxección como evento. Como escribiu Peter Gidal en 1975, “O proceso de facer cine lidia con dispositivos que dan de si a desmitificación ou un intento de desmitificación do proceso fílmico”. Aínda que a película de Nicolson foi filmada na Co-op To the Dairy apenas pode considerarse un documento. Todo está borroso, e a lembranza da LFMC é difícil de discernir; pódese entrever pero non se ve, síntese pero non está recollido.
Cando se fai reconto da historia de LUX, ou do desenvolvemento do cine e do vídeo de artista en Gran Bretaña (en LUX gústanos pensar que son o mesmo), a versión condensada da historia di que non había realmente unha vangarda antes de 1966. Pero a película de Anne Rees-Mogg, feita independentemente da LFMC, dinos outra cousa. Ao igual que o traballo de Margaret Tait. Aerial data de 1974, pero Tait, pioneira independente, comezou a facer películas a comezos dos cincuenta, tras estudar en Roma no Centro Sperimentale di Fotografia, que daquela era a única escola de cine de Europa. As películas de Tait non se comezaron a distribuír na Co-op ata finais dos setenta, grazas aos esforzos de Felicity Sparrow. Tait converteuse nunha figura influínte para cineastas de LFMC como Annabel Nicolson, que foi a visitala a Escocia con Mike Legget, pero seguiu illada e autosuficiente, traballando en Edimburgo e nas súas nativas Illas Orcadas, facendo películas coa súa produtora (salvo tres, a totalidade das súas 32 películas foron autofinanciadas). 2019 é o ano centenario de Margaret Tait.
Moira Sweeney e Alia Syed uníronse á Co-op nos oitenta, con traballos que estaban aínda baixo a influencia do estrutural/materialismo dos setenta pero que eran tamén persoais e subxectivos dun modo que parecería entrar en conflito co rexeitamento da xeración anterior pola identificación, a representación e o ilusionismo. As súas dúas películas neste programa —ambas mudas— son oníricas, poéticas e evocadoras. En Priya, de Syed, vemos os restos unha toma cenital de danza Kathak, resultado de enterrar a película no xardín. Como ela mesma escribe, “a pel da película convértese no corpo da bailarina, fracturando o tempo nun espazo escuramente evocativo e psicolóxico”.
Catro das películas no programa están feitas por artistas mozos non conectados á LFMC. As películas de Laida Lertxundi e Manon de Boer —unha artista española establecida en Los Angeles e unha artista holandesa establecida en Bélxica— destacan o carácter internacional da colección. Os artistas británicos Lucy Parker e Luke Fowler exemplifican unha continuidade entre os predecesores de LUX e o traballo que están facendo os artistas da imaxe en movemento británicos contemporáneos. Fire, de Parker, fíxose en resposta a unha exposición do traballo de Annabel Nicolson en Londres en 2016. Aínda que os cineastas americanos Robert Beavers e Gregory Markopoulos son unha influencia evidente nos retratos curtos dos veciños de Glasgow de Luke Fowler, Anna y Lester, hai unha gran coherencia e conexións entre o traballo de Fowler e o de Margaret Tait, Annabel Nicolson, Peter Gidal e Alia Syed.
Esta selección de traballos da colección de LUX para o (S8) (un festival de cine cuxo nome homenaxea ao formato de cine máis pequeno) quere igualmente celebrar algunhas das máis “pequenas” obras en distribución. Estas películas poderían ser descritas como notas, bosquexos, xestos. Periféricas, como o cine que o (S8) defende. Menos é máis, ou como a película de Rees-Mogg nos fai lembrar “Nada é algo”.
Dez películas para un décimo aniversario. Feliz aniversario, (S8), e que veñan moitos máis!