Festival de Cans 2009
VV. AA., 2008-2009
84´. Vídeo. Presentación a cargo de Alfonso Pato, director do Festival de Cans e os directores Dani de la Torre e Toni Veiga. Entrada gratuíta.
O PINTOR DE CEOS
(España, 2008)
Dirección, guión e produción: Jorge Morais. Duración: 25 minutos.
Un mariñeiro perdeu a súa familia nunha noite de treboada. Desolado pola dor, reconstrúe a súa vida apoiado na pintura, co desexo de vingar a morte dos seres queridos. Ordénalles aos magos e arquitectos da época que constrúan unha casa coa cheminea máis máxica do mundo que lle permita plasmar o ceo todo. Unha noite fortuíta, o pintor, nun arrebato desesperado encontra no seu diario algo que chama a súa atención e que lle indica o camiño para conseguir o seu desexo. Animación en 3D, produto dun espectacular empeño unipersoal. Premio Mestre Mateo e premio do Xurado en Cans.
X NADA
(España, 2009)
Dirección: Dani de la Torre e Toni Veiga. Guión: Toni Veiga e Manolo Dios. Produción: Ficción Producións. Intérpretes: Carlos Fernández, Miguel García. Duración: 14 minutos.
Roi e os seus colegas practican un xogo moi especial, unha forma de divertirse peculiar e bastante violenta. Este macabro xogo uniraos para sempre a Dani, que tivo a mala sorte de estar no momento e lugar equivocados. Premio do Xurado en Cans e preseleccionada para os premios Goya.
THE WEREPIG
(España, 2008)
Dirección e guión: Sam Ortí. Produción: IB Cinema. Fotografía: Justo Guisasola. Duración: 12 minutos.
Nunha viaxe pola xeografía galega, dous adolescentes americanos gozan ao seu xeito, sen respectar o que os rodea. A súa impertinencia ante ás tradicións da zona, levaraos a unha casa de embutidos rexentada por dous anciáns onde, moi ao seu pesar, acabarán formando parte activa da tradición... Primeiro premio en Animadrid 2008, preseleccionada para os Goya e premio do Público en Cans.
URUGUAY 2030
(España, 2009)
Dirección e guión: Rafa de los Arcos. Produción: Escándalo Films. Intérpretes: Edgar Blanco, Henar Jiménez. Duración: 9 minutos.
Comedia con triángulo de amor preadolescente que sitúa a unha rapaza no vértice principal. Premios de interpretación e do público en Cans.
GONE TO LIVERPOOL
(España, 2009)
Dirección: Manolito Portolés. Duración: 4 minutos.
Videoclip sobre a formación Niño y Pistola, dirixido por un membro do grupo. Premio do Xurado en Cans.
ES FEO
(España, 2009)
Dirección: Kike Maíllo. Duración: 3 minutos.
Videoclip sobre a formación Manos de Topo. Premio do Público.
MAKING-OFF CANS 2008
(España, 2009)
Dirección: Nacho Taibo. Produción: Zoa Media. Duración: 17 minutos.
Making-off da edición anterior, a peza abriu a última edición do festival. Seguimento do día a día do certame, un reflexo da filosofía de Cans. Aparecen músicos, directores, produtores e actores coñecidos: de Tony Lomba a Nacho Vigalondo, pasando por Juanma Bajo Ulloa, Miguel Costas ou Jesús Ordovás.