Gus Van Sant (e II)
Del 1 de julio de 2010 al 16 de julio de 2010
En colaboración con IVAC-La Filmoteca de Valencia e Filmoteca de Catalunya.
Finalizamos o completo ciclo dedicado a Gus Van Sant aproveitando para recuperar os títulos -Drugstore cowboy e Todo por un sueño- que por problemas de dispoñibilidade de copia estiveron suxeitos a cambios no mes anterior. Para deixar constancia dos pases que os substituíron, incluímos as fichas de Last days e Paranoid Park, proxectadas en xuño.
LAST DAYS
(Estados Unidos, 2005)
Dirección e guión: Gus Van Sant. Fotografía: Harris Savides. Produción: HBO Films, Meno Film Company, Picturehouse Entertainment e Pie Films Inc. Intérpretes: Michael Pitt, Lukas Haas, Asia Argento, Scott Patrick Green. Duración: 97 minutos.
En medio de paseos, tempos mortos e interrupcións interesadas, asistimos ao que parecen ser as últimas horas dun cantante atormentado, Blake. Logo das experiencias extremas de Gerry e Elephant e inspirado nunha imaxe de Kurt Cobain, o falecido cantante de Nirvana, Gus Van Sant, un cineasta que busca e que se mergulla constantemente na elaboración da sintaxe fílmica, ofrece unha nova deconstrución narrativa, un novo e rupturista ensaio no que volve engarzar xuventude e morte.
PARANOID PARK
(Francia-Estados Unidos, 2007)
Dirección e guión: Gus Van Sant, sobre unha narración de Blake Nelson. Produción: MK2 Productions, Meno Films e CNC. Fotografía: Christopher Doyle e Rain Kathy Li. Intérpretes: Gabe Nevins, Dan Liu, Jake Miller. Duración: 84 minutos.
Alex, un adolescente afeccionado ao monopatín mata accidentalmente a un garda de seguridade nos arredores de Paranoid Park, un parque público de Portland. O mozo decide non comentarlle nada a ninguén. Premio especial en Cannes polo 60 aniversario do festival, estreada entre nós con atraso, é a lóxica prolongación de varias películas anteriores do seu autor, títulos como Gerry (2002), Elephant (2003) ou Last days (2005), outro percorrido fantasmal polas turbulencias do cine moderno e as súas posibilidades. Fermosa e espectral, Van Sant paraliza o tempo e xera imaxes especulares, ao tempo que a súa elaborada banda sonora contén pasaxes musicais mesmo de Nino Rota.
Agradecementos: Yedra Films, Geraldine Higgins, Hollywood Classics (Gran Bretaña), Nicholas Varley, Park Circus (Gran Bretaña), Carlotta Films (Francia), Classic Films, Cristina Bernáldez, Filmoteca Española, Peter Langs, Universal Pictures (Estados Unidos), Lauren Films.