NCI-20: Reunión dos pequenos: The Sky below Osijek/ Three/ Karpotrotter
VV.AA, 1996-2013
104'. DCP/ 35mm. Subt.Galego
NEBO ISPOD OSIJEKA / The Sky Below Osijek
(Croacia, 1996)
Dirección: Z. Jurić. Dur.: 25'
Cando unha guerra acaba, a vida volve ser vida. Mais está todo por facer. Nesa época crucial, o novo realizador Zvonimir Juri filmou a súa primeira película, un poderoso poema sobre a cidade de Osijek, mais tamén moitas outras cidades á vez. Unha testemuña artística de gran valor arredor dos que afrontaron un presente devastador e un futuro máis que incerto, sobre a súa volta ao cotián, as súas frustracións, as expectativas e as evasións da realidade.
TRI / Three
(Croacia, 2008)
Dirección: Goran Dević. Dur.: 30'.
Cunha estrutura similar a unha das películas máis emblemáticas da “Onda Negra”, Tri (1965) de Aleksandar Petrović, o realizador Dević propón tres historias persoais da guerra máis recente. Tres cargas do pasado sacadas á luz do día. Tres vidas de tres homes que, literalmente, conducen as súas memorias na procura da comprensión.
KARPOPOTNIK / Karpotrotter
(Eslovenia, 2013)
Dirección: Matjaž Ivanišin. Dur.:49'.
Karpo Godina é un dos cineastas menos coñecidos da ‘Onda Negra’ iugoslava mais probablemente o máis revalorizado posteriormente. O seu legado curtametraxístico, experimental, humorístico e subversivo foi avanzado ao seu tempo. Da rodaxe de Imam jednu kuu (I Have a House) ficaron só fragmentos: unha viaxe pola Vojvodina que reflectía a multietnicidade e a riqueza sociocultural da rexión. O director Matjaž Ivanišin percorre os carreiros que trazou Godina, ao evocar o seu espírito experimental, xocoso e mundano, buscando graza aos apuntamentos do diario de rodaxe e dos seres filmados, permanencias do pasado.