
Marcelino pan y vino
Ladislao Vajda, 1955
91'. HD.
Marcelino pan y vino
(España, Italia, 1955)
Dirección: Ladislao Vajda. Guión: Ladislao Vajda, José María Sánchez Silva. Fotografía: Heinrich Gärtner. Intérpretes: Rafael Rivelles, Antonio Vico, Juan Calvo, Fernando Rey. Dur: 91'.
“(...) Ladislao Vajda constrúe (...) a excepcional e escura Marcelino pan y vino, que, como afirma Anne-Marie Jolivet na súa detida análise, fala (...) do destino dun neno orfo en vivencia edípica que busca na vivencia simbólica do pai a mediación redentora que o salve do peche conventual. Un orfo da Guerra de Independencia, heroica contrafigura da insurrección franquista –a encarnizada loita contra uns malignos invasores, que, como “los rojos”, destrúen covardemente na súa fuxida o que atopan ao paso–, e un frade elegantemente encarnado por Fernando Rey que, na contemporaneidade (da rodaxe), lle narra coa súa portentosa voz a “milagrosa” historia de Marcelino a unha nena gravemente enferma. Outra historia de paternidade, filiación e desexo, na que o infante, traspasando a fronteira/escaleira prohibida (onde se encontra ese temido “home do faiado” que o levará para sempre), se enfronta cara a cara co monstro crucificado, ao que lle ofrece comida e bebida. José Luis Téllez non deixou de sinalar –reparando no rechamante paralelismo entre ambos os filmes– de que maneira a Ana de El espíritu de la colmena “como (...) Marcelino (...) lle proporciona un alimento ao ferido (o cal, como na obra de Vajda, é recollido pola cámara á altura da cabeza deste), que, en lugar de significantes eucarísticos, consiste agora nunha mazá non menos simbólica.
Malia a súa aparente vocación de nacional-católica fábula adoutrinadora, a densidade e a ambigüidade da posta en forma converten o suposto milagre, “sequera parcialmente, [nunha infantil] proxección delirante xerada polo propio illamento [do neno]”. Asistimos , de feito, a reiteradas oscilacións enunciativas (o narrador interpretado por Fernando Rey é un frade que non puido coñecer directamente os feitos que conta), e a unha fascinante e complexa variación dos niveis de focalización visual (“se a ollada do espectador vai ser reconducida, desde o comezo, pola de Marcelino”, a cámara chegará a adoptar o [imposible] punto de vista crístico).”
Castro de Paz, José Luis, “O narrador e o infante orfo”, en Fernando Rey: cabaleiro do cinema (1917-2017), Castro de Paz, José Luis e Ventureira, Rubén (ed.), Concello da Coruña, 2017.
-
As xeracións do cine español
Marcelino pan y vino
Versión lingüística:VOFormato:35mm.Entrada gratuíta.
-
Huellas de luz. Cen anos de cine español
Marcelino pan y vino
Versión lingüística:VOFormato:35mm. -