La idea de un lago
Milagros Mumenthaler, 2016
82'. DCP
La idea de un lago
(Arxentina, 2016)
Dirección e guión: Milagros Mumenthaler. Fotografía: Gabriel Sandru. Intérpretes: Carla Crespo, Rosario Bléfari, Malena Moiron, Juan Barberini, Juan Greppi, Joaquin Pok. Dur: 82'.
La idea de un lago xorde do libro de fotografías e poemas Pozo de aire, de Guadalupe Gaona, un traballo autobiográfico que pon no centro a ausencia de seu pai, quen desapareceu en marzo de 1976, durante a ditadura cívico-militar arxentina.
Co obxectivo de respectar o libro – pola autora, polo que conta e polo que a súa lectura provocou en min–, souben dende o comezo que a película tiña que basearse sobre dous eixos: un, no documentado; o outro, na memoria, onde os recordos e a imaxinación se entretecen e irrompen no presente.
Esta foi a base da película e durante todo o proceso propúxenme non traizoar ese impulso. Pensei nunha protagonista, Inés, que intenta terminar un libro de fotografías sobre o seu pai durante o embarazo do seu primeiro fillo. Que lle estará pasando pola cabeza? A necesidade de darlle respostas ao seu futuro bebé lévana a buscalas ela propia. Nese percorrido, mentres a súa relación de parella periga, aparece un forte conflito entre nai e filla arredor da figura do pai desaparecido.
Intentei non contar os feitos histórico-políticos para pór o foco no que a figura do pai deixa e en como se vive con esa ausencia. (Milagros Mumenthaler)