El secreto del libro de Kells
Tomm Moore e Nora Twomey, 2009.
75’. Versión castelá. Entrada gratuíta.
EL SECRETO DEL LIBRO DE KELLS / BRENDAN AND THE SECRET OF KELLS
(Irlanda-Francia-Bélxica, 2009)
Dirección: Tomm Moore e Nora Twomey. Guión: Tomm Moore e Fabrice Ziolkowski. Produción: Les Amateurs, Vivi Films, Cartoon Saloon e France 2 Cinema. Duración: 75 minutos.
Brendan, un monxe de 12 anos, vive nunha remota abadía fortificada en Kells, na Irlanda do século IX. Cos outros irmáns axuda a construír unha muralla para protexer a abadía dos asaltos dos viquingos. Pero unha nova vida de aventuras preséntase diante del cando coñece ao Irmán Aidan, célebre mestre que chega de terras estranxeiras, coidando dun antigo libro de miniaturas que está inacabado. Coa esperanza de rematalo, Brendan sairá da abadía por vez primeira e internarase no perigoso bosque, un lugar habitado por toda caste de criaturas…Todo o filme xira arredor da creación do libro de Kells, non só cun argumento que dá idea da transmisión da cultura mediante a creación deste manuscrito no século IX, unha das pezas máis valiosas do patrimonio cultural irlandés, senón tamén coa posta de relevo do seu valor estético. Cada imaxe da película concíbese como unha das miniaturas que ilustran o libro sobre o que versa a historia. A música que acompaña o relato é unha mestura de ritmos celtas e cantos gregorianos. Filme nominado ao Oscar, estreado no Festival de Cinema de Berlín e seleccionado en numerosos certames, obtivo o premio do público no Festival de Cinema de Animación de Annecy. A partir de seis anos. Versión castelá.