The curse of the were-rabbit/ Wallace & Gromit: la maldición de las verduras
Steve Box, Nick Park, 2005
85'. Vídeo. Versión castelá. Entrada gratis.
THE CURSE OF THE WERE-RABBIT / WALLACE & GROMIT. LA MALDICIÓN DE LAS VERDURAS
(Reino Unido, 2005)
Dirección: Steve Box, Nick Park. Guión: Steve Box, Nick Park, Mark Burton, Bob Baker. Dur.: 85’.
Achégase o Concurso Anual de Verduras Xigantes desatando unha auténtica tolemia no lugar onde viven Wallace e Gromit. Os dous amigos, moi emprendedores, están a facer moitísimo diñeiro grazas a un sistema que inventaron chamado “Anti Pesto”, unha maneira natural de evitar que os coellos se acheguen ás granxas para facer trasnadas. Mais os seus plans comezan a se vir abaixo cando aparece unha enorme, misteriosa e voraz besta que ataca os hortos polas noites esnaquizando todo ao seu paso e aterrorizando a veciñanza. A organizadora do Concurso, Lady Tottington, absolutamente desesperada, contrata a Wallace e Gromit para que capturen á terrible criatura e salven o concurso. Producida polos estudios Aardman en Bristol e dirixida por Nick Park Wallace e Gromit, a maldición das verduras foi todo un éxito de crítica e gañou o Óscar á Mellor película de animación, dous premios BAFTA e no Festival de Toronto o premio á mellor longametraxe de animación. Realizada en plastilina, en stop motion, recrea o particular universo de Wallace e Gromit, que xa eran protagonistas dunha serie de películas do mesmo estudio: Wallace e os seus extravagantes inventos e o seu fiel can Gromit, afeito a sacar ao seu amo de máis dun apuro. Todo regado co mellor humor inglés e abundantes referencias cinematográficas.